Se muestran los artículos pertenecientes a Diciembre de 2015.

Traballo en grupos

Publicado: 07/12/2015 08:38 por iessalvaterraorientacion en INFOGRAFÍAS

ABP

Publicado: 07/12/2015 10:21 por iessalvaterraorientacion en ARTIGOS

A Aprendizaxe Baseada en Proxectos (ABP) non é algo novo como moita xente poida pensar. Sempre existiron/existen temas que enganchan ao alumnado en torno a eles, que o motivan e que satisfacen a súa curiosidade e os seus intereses mediante a exploración e profundización neles.O mellor vai ser sempre que o tema a traballar sexa escollido polo propio alumnado, aínda que o profesorado pode e debe guiar esta escolla. O punto forte é que o alumnado o atope divertido, motivante e o vexa coma un reto xa que eles teñen realemnte un papel activo na elección do proxecto e na súa planificación, execución e avaliación. Algúns eixos básicos desta metodoloxía de traballo son que estea centrado e dirixido polo alumnado, sempre coa guía do profesorado, e que aprendan facendo. O proxecto escollido terá unha fase inicial de motivación cara o traballo, o desenvolvemento propiamente dito do mesmo coas distintas actividades e unha fase final coa exposición do trabllo e a súa avaliación. O tema escollido vai ser significativo para o alumnado e moi vinculado coa súa vida o que fará que se “enganchen” pola súa cercanía e cotidianidade (o contrario do que pasa cos libros de texto alonxados da realidade). Este traballo por proxectos inclúe en sí mesmo un proceso de investigación con profundización no contido e vai ser determinante a filtraxe de información coa axuda do profesorado ata que o alumnado aprenda pouco a pouco a facelo por sí mesmo. No ABP o desenvolvemento de competencias é máis importante que a memorización de contidos e aprendemos facendo aínda que o profesorado teña o reto de relacionar o proxecto no que estamos a traballar co currículo do curso en cuestión por mor da lexislación vixente{#emotions_dlg.laughing}. Sempre o traballo en grupo colaborativo é determinante e aproveita os puntos fortes de cada persoa concluíndo nun producto final tanxible e determinado no que interveñen os distintos tipos de intelixencia utilizados nos poemas, ensaios, esculturas, experimentos, presentación ou o que sexa que será amosado e presentado fronte a unha audiencia que vai avaliar este traballo desenvolvido. Compartir o proxecto cos demais permite amosar o que temos aprendido e obter un feedback inmediato. A execución diante da xente vai ser un elemento moi motivador no que tamén aprendemos moitas estratexias sexa isto nunha exposición nos corredores do centro, nunha presentación oral ou na realización dun video. Vai permitir ao alumnado avaliarse a sí mesmos e reflexionar sobre a súa aprendizaxe coa utilización de rúbricas, en moitos casos deseñadas polo propio grupo de traballo coa axuda do profesorado. Este proceso de autoavaliación vai ser determinante no desenvolvemento dun pensamento crítico e reflexivo sobre as aprendizaxes conseguidas que, a xulgar pola reiteración coa que é comentado a cotío nos centros de ensino, parece ser un obxectivo chave a conseguir na educación do século XXI. 



Con esta entrada inicio unha serie de 4-5 posts adicados a estratexias prácticas concretas para o traballo nas clases en grupo cooperativo de cara a lograr un pensamento crítico no noso alumnado. Da guía “27 maneiras prácticas para mellorar a instrucción: ideas para promover a aprendizaxe activa e cooperativaos doutores Wesley Hiler e Richard Paul, da Fundación para o Pensamento Crítico, resumo estas 27 ideas prácticas para mellorar, como dicía, o ensino na clase promovendo, simultaneamente, tanto a aprendizaxe activa e cooperativa coma o pensamento crítico. Nesta guía os autores presentan os fundamentos das ideas expostas no libro “Como mellorar a aprendizaxe dos estudantes” dun xeito que os docentes dispoñamos dun documento breve e práctico que nos permita lembrar permanentemente algúns principios básicos que debemos ter en conta cando impartimos clase ao noso alumnado.

Aínda que incorporar o pensamento crítico na aula dentro de estratexias de aprendizaxe activa e cooperativa require un desenvolvemento serio e a longo prazo, non imos necesitar sufrir nin realizar grandes esforzos para lograr cambios importantes na nosa maneira de ensinar. Hai moitas estratexias simples, directas e eficaces, que poden implementarse de maneira inmediata e con resultados moi positivos. A continuación temos unha mostra desta metodoloxía. Son estratexias eficaces e útiles, porque cada unha constitúe unha forma de lograr que o alumnado pense activamente no que está a aprender. Con cada unha delas, a responsabilidade de aprender transfírese do mestre ao estudante. Estas estratexias suxiren maneiras de acadar que o alumnado, e non o profesorado, faga o traballo necesario para aprender. Polo xeral, cando as/os estudantes enfróntanse a dificultades que non poden resolver ou non entenden, ou que se supón que deben entender, si é que están a traballar con outras persoas, poden corrixirse entre elas mesmas os malentendidos e lograr un progreso maior nas tarefas. Cando a unha persoa non lle sae, pode que outra teña a idea precisa que permita encamiñar novamente as cousas. O anterior posibilita que o alumnado se responsabilice en maior medida da súa propia aprendizaxe. Co tempo, comezan a adoitar con éxito as estratexias que os seus compañeiros utilizan e aprenden a se enfrontar as preguntas críticas que lles formulan aqueles/as que son da súa idade e teñen os seus (ou parecidos) ou parecidos problemas e inquedanzas.

Así pois, as 27 suxestións seguintes ou “estratexias de ensino” dannos ideas para iniciar o proceso de permitir ao noso alumnado pensar (reflexionar) sobre os contidos que se espera que comprendan, aprender a usar o que aprenden e tamén a utilizar o poder das súas propias mentes para “comprender as cousas”.

Imos ver as cinco primeiras:

 1) Fagamos preguntas en primeiro lugar para estimular a súa curiosidade.

Si o noso alumnado quere saber algo, ben sexa porque sinte curiosidade ou porque pensan que lles pode ser útil na súa vida diaria, estarán máis motivados a aprendelo.

 2) Utilicemos preguntas guía.

Estas preguntas deben facerse para cada tarefa, conferencia ou presentación audiovisual. As preguntas motivan ao noso alumnado. Por exemplo, nunha clase para aprender anatomía humana ou bioloxía, antes que coller o libro de texto para estudar o corazón, faríamos á clase as preguntas guía. a) Que é unha válvula? b) Cal é a diferenza entre unha vea e unha arteria? c) Que é colesterol? Por que ter niveis de colesterol elevados é perigoso para a saúde dunha persoa? Etc.

 3) Apliquemos probas curtas de cinco minutos ao comezo de cada clase.

Estas probas poden conter uns cantos ítems de selección múltiple ou de verdadeiro e falso, derivados das preguntas guía. Estas probas curtas motivan ao estudante a repasar as súas notas de clase e manterse ao día nas tarefas asignadas.

 4) Utilicemos presentacións e medios multimedia.

Estes medios facilitan a asimilación e retención do material e están moi próximos á vida real do noso alumnado.

 5) Simultaneamente co ensino da materia, ensinemos principios de pensamento crítico.

Utilicemos os materiais como apoio concreto para desenvover o pensamento crítico. Por exemplo, ao falar da Guerra Civil pedir ao alumnado que comparen o punto de vista dos dous bandos de maneira imparcial. As seguintes preguntas guía poderíanse utilizar para lograr que os estudantes pensen máis profunda e críticamente sobre a tarefa asignada: a) Cal foi o propósito do alzamento militar? b) Cal era o goberno democrático que tiña España? c) Canto durou a guerra? d) Cales foron as consecuencias inmediatas e a longo prazo da guerra? Etc. As preguntas das probas ou exames posteriores débense basear sempre nestas preguntas guía para asegurar que o alumnado teña pensado e reflexionado sobre elas e, quizais, até as teñan discutido fóra do instituto. Durante este tipo de clase, o alumnado aprenderá elementos de razoamento ademais de historia de España. Tamén aprenderán, ademais, algúns elementos de como pensar imparcial e obxectivamente sobre os acontecementos e feitos históricos.

 6) Fomentemos que o noso alumnado se coñeza.

Nos primeiros día de clase, poñer ao alumnado en parellas e pedir que cada un pregunte ao seu compañeiro/a acerca de onde vén, cales son algúns dos seus intereses, pasatempos e opinións e incluso pecirlles que tomen notas para facilitar a memorización da información. Logo, cada persoa presenta á súa parella ao resto da clase. Deste xeito o alumnado vaise coñecer dende o comezo. Isto ademais de romper o xeo facilitará a comunicación entre eles cando se organicen en grupos pequenos. Tamén constitúe un exercicio efectivo para probar se escoitan con atención.

 7) Escribamos os nomes de todo o alumnado en cartóns e preguntemos a todos, non soamente aos voluntarios.

Sabemos que cando facemos preguntas á clase, sempre queren responder os mesmos. Se miramos ao resto da clase e escollemos os menos activos e lle facemos unha pregunta, van sentir que queremos amosar o ignorantes que son, e en consecuencia, vanse sentir mal. Para evitar estas situacións podemos escribir os nomes de todo o alumnado nuns cartóns, misturalas e escoller un cartón ao azar para facer a pregunta. Deste xeito, toda a clase porá máis atención a todas as preguntas por si lles toca respostar. Esta técnica sinxela evita o problema común de que catro ou cinco estudantes monopolicen sempre as discusións e as clases. Tamén permite compartir unha variedade máis ampla de reflexións ou de puntos de vista do alumnado e mantén a clase máis alerta.

 

CONTINUARÁ...

8) Fomentemos o pensamento independente ou diverxente.

Expor ao noso alumnado un problema que requira pensamento diverxente e teña varias posibles solucións. Pedirémoslle que escriban as solucións nun papel. Logo, dividiremos a clase en grupos de tres ou catro e faremos que compartan co grupo o que contestaron. Posteriormente, pediremos a cada grupo que utilice as mellores ideas de cada integrante e escolla unha persona para que comunique a solución conxunta ao resto da clase. Deste xeito todos os estudantes participan en: 1) deducir a solución do problema, 2) comunicar a súa solución aos demais, 3) obter retroalimentación dos demais, 4) chegar a unha solución máis adecuada do problema e 5) en ocasións falar fronte ao resto da clase serve de práctica de oralidade ao falar en público.

9) Escoitemos con atención.

Fagamos que algún alumno resuma nas súas propias palabras o que dixo outro estudante. Isto estimula ao alumnado a escoitar activamente aos demais e axúdalles a darse de conta que poden aprender dos outros. Ademais, serve para diminuír a dependencia do profe. Unha maneira de logralo é pedirlle con frecuencia a algún estudante que repita o que outro compañeiro acabou de dicir. Isto os manterá alerta! Tamén podemos dividir a clase en parellas e facer unha pregunta controvertida.Os membros da parella comparten as súas opinións co seu compañeiro e xustifican as súas posicións. Os dous escoitan con coidado e logo repiten, pero nas súas propias palabras, todo o que lles dixo o compañeiro.

10) Falemos menos para que o noso alumnado pense máis.

Tratemos de non falar máis do 20-25% do tempo da clase (10-15 minutos). Cada 10-15´ minutos detemos oa charla e pedimos á clase, en grupos de dous ou tres, que falen entre eles/as e resuman os datos chaves explorando e discutindo sobre as implicacións do contido exposto. Cando falamos a maior parte do tempo da clase, os que pensamos somos nós e non o noso alumnado. As mentes das persoas se desenfocan durante os discursos longos e por iso non asimilan moito do que se di. Fragmentar as clases/discursos longas/os dá a oportunidade ao alumnado de ser máis activos e tamén, de asimilar e pensar sobre o que escoitaron. Mentalmente é máis fácil dixerir pedazos pequenos que grandes. E, ao discutir sobre o escoitado, o alumnado pode corrixir os malentendidos deles e dos demais antes de asimilar o contido completamente. Pedirlles que informen á clase do discutido nos grupos ou parellas permítenos corrixir calquera malentendido do noso alumnado sobre o contido ou tarefa.

11) Sexamos un modelo.

Pensemos en voz alta lentamente adaptándonos ao nivel do noso alumnado. Deixemos que eles escoiten e vaian descifrando pouco a pouco os problemas ou dificultades da materia. Por iso, é crucial que ilustremos o traballo ao nivel do alumnado e non ao nivel dun experto na materia. Isto inclúe cometer erros intencionadamente e corrixilos, o que ensina ao alumnado que os erros son inevitables (do erro se aprende moito) pero é posible identificalos e corrixilos.

12) Utilicemos o método socrático para facer preguntas.

Que quere dicir o autor cando usa esa palabra? Que precisión trata de facer? Que evidencia hai para apoiar esa afirmación? É confiable a evidencia? Como chegou a esa conclusión? Pero, como pode explicar isto? Cales serían os efectos non desexados da súa proposta?

13) Fomentemos sempre a colaboración.

Sempre que poidamos dividamos a clase en grupos pequenos (de dous, tres ou catro), asignémolles tarefas específicas e límites de tempo. Logo, que informen que parte da tarefa completaron, que problemas tiveron e como os resolveron. O alumnado pode descubrir moito do contido da materia por si mesmas/os cando traballan en grupos pequenos con tarefas escollidas antes de estudar no libro o tema ou recibir explicacións do profe. O alumnado que a miúdo ten que explicar ou argumentar as súas ideas cos seus pares e escoitar e avaliar as ideas do seu grupo, logra un progreso significativo e mellora moito a calidade da súa forma de pensar e razoar sobre os temas (pensamento crítico).

14) Usemos o ensino en pirámide.

Primeiro que discutan unha pregunta ou problema en parellas para chegar a un consenso. Segundo, que cada parella se xunte con outra até chegar a unha conclusión. Despois que estas dúas parellas formen un grupo de catro e así sucesivamente. Non é tan difícil falar en grupos de catro, oito ou dezaseis. Isto non só ensina a cada estudante a participar, senón que as ideas do alumnado (de todos) forman parte do esforzo grupal como un todo. Cada vez que se agrandan os grupos, cada idea recibe máis escrutinio. O alumnado vaise decatar que as ideas iniciais se van ir modificando paso a paso e mellorando a calidade do aprendido e facendo que sexa máis significativo.

Whatsappeando

Publicado: 15/12/2015 12:13 por iessalvaterraorientacion en INFOGRAFÍAS

Vía Moderna de pueblo