Blogia
MZUNGU

PROFESORADO COMPETENTE EMOCIONAL

 

Profesorado Competente Emocional

Como facilitan o noso traballo estas persoas tan especiais! Profesorado que traballa con nós e ten a creatividade para innovar coa intelixencia emocional de ser quen de se decatar cando as persoas que lles rodean non se atopan ben. Falo desas persoas, por desgraza non abondan, que conectan e comprenden aos compañeiros: saben que hoxe non é o noso día, que temos algún problema ou que non estamos ben para a seguinte clase. Danse de conta do dito cunha empatía e asertividade moi pouco frecuente, por regra xeral, no resto da xente. Probablemente cando eran novos choraban ao ver chorar aos outros e seguro que aínda agora, de adultos, lles sucede tamén. Estou a describir a profesorado intelixente, diverxente, cunha sensibilidade especial coa xente en xeral e, coma non, co alumnado en especial. Decátanse dos problemas dos demais e, máis importante, tentan axudar e solucionar o que estea na súa man, moitas veces dun xeito pouco común ou bastante diferente de como o faríamos o resto. Que sorte e que grandes sodes!! Pasan a acción, fan o que din e son quen de chegar ás outras persoas con moita facilidade e cunha axeitada linguaxe, verbal e non verbal. Poderían aparecer coma despistados e pouco participativos pero, en xeral, están sempre pendentes do que acontece no seu centro, sobre todo das persoas, coa idea de sumar e nunca restar ou dividir. Innovar e mellorar é fácil para eles xa que teñen moita tolerancia á frustración e nas súas actuacións non existen os sentimentos de resignación. Parece prevalecer sempre neles a capacidade de superación e unha actitude case sempre positiva e optimista. Sempre ven a botella medio chea e disfrutan do seu traballo cada día, con autocontrol e autoestima persoal, valorando o traballo dos outros e sen necesidade de recoñecemento alleo. Entusiásmanse e contaxian alegría e optimismo e, cando lles preguntas, considéranse persoas felices  e con gusto por facer cousas novas e diferentes. Por suposto, loitar contra a resistencia ao cambio, acarréxalles en moitas ocasións problemas nos centros de ensino, tan anclados na tradición e no século pasado. Por último, expresan as súas emocións e son quen de poñerlle nome aos seus sentimentos polo que non teñen problema en recoñecer os seus erros, o que os engrandece, aínda máis, tamén diante do alumnado. Veñen traballar cada día coa idea de aprender e disfrutar, máis que de ensinar, e sempre atoparás nelas/es unha palabra agarimosa e, moi probablemente, un sorriso complacente. Moitos non son pero... grazas pola vosa intelixencia emocional e as vosas habilidades sociais! Facédesnos cada día o traballo máis doado nas escolas e institutos!SonrisaGuiño


1 comentario

Ana Bolibar -

Efectivamente! Gracias!