Blogia
MZUNGU

Artigo final de curso 2013-14

rEDUvolución*

Na miña modesta opinión, o profesorado é un dos colectivos máis importantes da sociedade e opino que sen educación non hai futuro. Penso tamén que somos os educadores os que cambiaremos o mundo pero só poderán facelo aquelas/es que sexan felices co que fan e desenvolvan o seu traballo con amor e humor. Non obstante, non creo que ao sistema educativo lle chegue con unha reforma, coma moita xente afirma, necesita unha transformación total. Nunha escola do século XXI xa non serve a metodoloxía do XIX. O noso alumnado, coma os nosos fillos, nunca van aprender coma nós aprendimos e, queirámolo ou non, isto é así incluso neurofisioloxicamente falando. As nosas aulas son un escenario no que a obra representada non ten nada que ver coa de fai uns anos e isto require un novo papel do profesorado que antes tiña garantida audiencia e obediencia pero agora ten que ser quen de gañar a motivación, interese e respecto do alumnado. Como afirma Vaello Orts o profesorado ten que educar con intelixencia emocional e iso quere decir ter competencias socioemocionais coma o autocontrol, a resiliencia ou a autoregulación do seu nivel de ansiedade que van ser, ademais, ferramentas indispensables par a satisfacción profesional e persoal. Cando calquera lembramos ao mellor profesorado que tivemos, sempre o asociamos a cualidades sociais ou emocionais coma son a cercanía, a empatía ou a súa dispoñibilidade. Do peor profesorado sempre lembramos e comentamos, sobre todo, ás carencias emocionáis e sociais que tiña. Xa non se trata de adquirir coñecementos senón de resolver problemas, de pensar criticamente por elas/es mesmas/os, de adquirir habilidades sociais, de colaborar e traballar en equipo, de adaptarse aos múltiples cambios dun xeito continuo e permanente e, sobre todo, de aprender a aprender pola súa conta, en calquera momento e lugar, o que chamamos aprendizaxe líquida e ubícua. Aprender non é aprobar e viceversa. E remarco que, como afirman Richard Gerver e Ken Robinson que son dous dos educadores con máis influencia do panorama educativo mundial, os exames son unha maneira anacrónica e moi vaga de medir o suposto coñecemento do noso alumnado e non falemos, por exemplo, da vergoña que están a supor para moitos sistemas educativos avaliacións coma PISA. Gerver considera PISA e outras réplicas de esta coma un suicidio que están a facer máis dano que calquera outra cousa na nosa sociedade. Ninguén nos conta que os seus resultados están falseados en moitos paises coma en China, que ocupa unha das primeiras posicións do ranking mundial, pero o alumnado con problemas non acude os días da proba á escola. En Shanghái, por exemplo, as autoridades vetan algunhas preguntas e en Finlandia, pola contra e agora curiosamente na duodécima posición, adícanse realmente a dar unha formación múltiple e integral ao seu alumnado e non o preparan especificamente para estas probas marcadas polas directrices, coma non, dos mercados. Na mesma liña, Howard Gardner falando da intelixencias múltiples, teoría que comparte a práctica totalidade da comunidade científica, amósanos coma a brilantez académica pode non supor nada e o noso alumnado de Salvaterra pode necesitar, coma o resto, algo máis que o seu expediente académico para desenvolverse na vida. Temos alumnado cunha grande capacidade intelectual pero que moito profesorado pensa que non é quen de escoller ben, por exemplo as súas amistades e os seus estudos, e outro que, pola contra, son líderes e triunfan grazas as súas habilidades sociais e intelixencia emocional e suspenden todas as materias. Ser competetente en distintos campos necesita dun tipo de intelixencia distinto, nin peor nin mellor, e existen distintos tipos de intelixencia que debemos desenvolver para aprender na nosa vida. Resumindo, Einstein non foi nin mais nin menos intelixente que Michael Jordan, sinxelamente as súas intelixencias pertencen a campos diferentes. Hoxe xa podemos afirmar, con rigor, que a intelixencia non é solamente innata e, dende logo, a educación pode chegar, faino nalgúns casos, a modificar a nosa cognición tendo en conta que podemos coñecer e aprender o mundo que nos rodea de oito formas diferentes: ao través da intelixencia lingüística, da lóxico-matemática, da visual-espacial, da musical, da corporal e cinética, da interpersoal ou social, da intrapersoal e da naturalista. A LOMCE só considera importantes as linguas e as matemáticas, que graza! Estas distintas maneiras de achegarmos ao mundo e de aprender desafían claramente o noso sistema educativo que presupón, e desexa, que todo o alumnado aprenda as mesmas materias da mesma forma e que é válida a clase maxistral subliñando penosos argumentos de “sempre se fixo así” ou “non queren aprender”. Podemos buscar excusas na lexislación, na falta de axudas ou na política pero nas nosas clases podemos facer o que consideremos, con creatividade, valorando os erros e deixando meter a pata, con traballo colaborativo e por proxectos e, en definitiva abrindo a nosa aula e pondo a aprendizaxe na punta dos dedos do alumnado con dispositivos móbiles. Tamén podemos utilizar o Visual Thinking, a Flippedd Class, os vídeos e os podcast cun alumnado dunha xeración touch screen que necesita crear para chegar ao cumio da taxonomía de Bloom para unha sociedade dixital. Eu sempre tiven e terei presente na miña vida profesional e persoal un piar básico como é a compensación de desigualdades e dar algo máis ao alumnado que menos ten ou pode (tamén na liña da LOMCE ;-). Marc Prensky preguntábase xa no ano 2001 coma deberíamos ensinar ao alumnado “nativo dixital” xa que é moi claro (en moitas clases de 25 alumnos/as 20 non amosan interese algún polo que lles contamos) que a simple reproducción dos métodos que funcionaron no pasado está condenada ao fracaso e somentes provocará desinterese e desmotivación. Pon Prensky moita atención no potencial que amosan os dispositivos móbiles e os videoxogos nos contextos de ensino e aprendizaxe e subliña a necesidade de abrir ás aulas a aprendizaxes máis creativos e motivadores, máis acordes coas competencias desta nova xeración. Remato con Rita Pierson, premiada mestra que durante máis de 40 anos e farta de escoitar nos centros cousas coma “non me pagan para querer ao meu alumnado” ou “sempre se fixo así“ decidiu responder partindo de “o alumnado non aprende de persoas que non lles gustan”. Eu teño claro que o ensino non se fai con reformas senón o través da conexión humana e nunca se vai dar aprendizaxe significativa sen unha relación persoal significativa coma explica James Comer, moi acostumado a traballar con pobres e desfavorecidos nos USA. O profesorado debemos entender primeiro para poder ser entendidos despois polo noso alumnado e opino, para finalizar, que somos un colectivo chamado a marcar a diferenza na nosa sociedade, cambiando a educación para cambiar o mundo, si facemos que o noso alumnado sexa quen de crear con motivación e de entrar tan contento ao instituto coma cando sae del.

 

*O título foi tomado do manual de María Acaso rEDUvolution


 

0 comentarios