Blogia
MZUNGU

Salmóns Educativos

Son un dos que pensan que os grandes avances da humanidade non chegaron da man de persoas satisfeitas que estaban relaxadas na súas cómodas zonas de confort. Chegaron de persoas insatisfeitas, incómodas e indignadas que foron receptivas aos sinais de alarma que, rompendo a súa relaxación, lles advirtían que as cousas xa non ían na boa dirección. Prestando atención ás alarmas, estas persoas insatisfeitas, deixan de se atopar confortables e tranquilas e, fóra da cotidianidade ordinaria, exasperante e insoportable, reaccionan e xa lles vai ser imposible na práctica que as árbores non lles deixen ver a importancia do bosque. Sempre me preguntei, querido alumnado, que tiveron en común estas persoas “tolas” como para pensar que poden cambiar as cousas e transformar o seu entorno aparentemente inamobible. Dicía Steve Jobs que “saber o que xa non hai que facer e tan importante coma saber decidir o que hai que facer”. Outro descoñecido para nós, Cervantes, escribía “cambiar o mundo, amigo Sancho, non é tolería nen utopía senón xustiza”. Hipatia, Jobs, Marie Curie, Gandhi ou Mandela conseguiron transformar o seu entorno vital dun xeito moi significativo e tiveron, penso eu, moitas cousas en común. Souberon ver o que outra xente non era quen de ver, foron valentes e chamaron as cousas polo seu nome. Importoulles visualizar onde querían chegar, souberon transmitir á xente o que pensaban, non lles importunou nadar contra corrente, coma os salmóns, aínda que moitas veces con graves consecuencias e perdas persoais e, o máis importante para min, divertíronse sempre cos traballos que facían. Penso, querida comunidade educativa, que necesitamos urxentemente “salmóns educativos” para cambiar todo aquilo que non funciona no ensino, con motivación derivada da insatisfacción, con imaxinación e creatividade, persoas que vexan que non é posible non impricarse en algo tan importante como a mellora da educación. “Salmóns educativos” que consideren que se pode aprender disfrutando, con outra metodoloxía, sen tarimas, sen tabiques nas clases, sen asignaturas, sen libros de texto, sen exames para suspender. Xa chega de excusas para permanecer nas nosas cómodas zonas de confort e renunciar ao que Viktor Frankl chamou “a última das liberdades humanas: elixir a túa actitude”. Se queremos, nós tamén podemos ser “salmóns”.

0 comentarios