Blogia
MZUNGU

Efecto Pygmalión

Estou seguro que a grande  maioría das persoas que se adican á docencia deben ter algunha noción, básica alomenos, do efecto Pygmalión. Fenómeno moi presente no ensino polo cal, moi resumidamente, canto maior sexa a expectativa depositada en cada alumno, mellor rendemento obterá este. Isto é, as expectativas que temos sobre o alumnado, as persoas en xeral, teñen tendencia a desenvolverse na realidade polo que tamén se fala de “profecía autocumprida”. En 1964, Roshental e Jacobson levaron a cabo unha investigación nunha escola de California que consistiu en sinalar a un grupo de alumnado moi desfavorecido e desaventaxado como, digamos, sobredotado. Dun xeito resumido, fixeron unha serie de probas de intelixencia a todo o alumnado da escola e informaron ao profesorado que aquelas probas eran moi fiables e determinantes para sinalar ao alumnado que nos vindeiros meses destacaría sobre o resto da clase. Finalmente lle deron ao profesorado unha listaxe cos nomes dese alumnado especial que, supostamente, tiña unha capacidade extraordinaria para o aprendizaxe. O que non lle dixeron ao profesorado foi que a relación dese alumnado “especial” foi feita ao chou e non tiña nada que ver cos resultados reais das probas de intelixencia feitas con anterioridade. Despois de seis meses, avaliaron de novo a todo o alumnado da escola e comprobaron que o progreso real dos sinalados na listaxe como “especial” era de 20 puntos ou máis superior ao resto da súa clase. O progreso real deste alumnado “especial” que aparecía na listaxe dada ao profesorado foi espectacular con respecto ao resto do grupo porque a opinión de partida do profesorado foi que, realmente, eran mellores que o resto porque así llo comunicaran como resultado dunhas probas de avaliación.

Dende 1964 numerosísimas investigacións poñen de manifesto que as expectativas, prexuizos ou pronósticos do profesorado son chave no rendimento do seu alumnado polo que si un profesor espera un resultado positivo dun alumno, o seu rendimento real estará moi próximo ao esperado polo profesorado en cuestión. “Os pronósticos se fan realidade” é a expresión que aparece na meirande parte das investigacións comoself fulfilling prophecy(profecía autocumprida).

O efecto Pygmaliónna clase é o fenómeno máis confirmado pola ciencia actual, polo que a relación cordial e humana entre profesorado e alumnado vai favorecer sempre a posibilidade de superación persoal, a autoestima e o rendemento académico do alumnado. Por suposto, ocorre o mesmo no contexto da familia: tratar aos fillos como mellores, máis capaces e intelixentes e decirlles canto se lles quere e valora fará que se potencien moito as súas capacidades e teñan máis éxito no que fagan na escola e na vida.

Si é que queremos ser Pygmaliones positivos co noso alumnado temos que ter unha actitude moi cordial coa clase, de aprecio e interese polo alumno, de preocupación polo seu ben, pola súa felicidade e o seu desenvolvemento persoal e… non, non importa si damos todo o “temario”. Non é tan difícil estar atentos aos aspectos postivos e reforzarllos e non repertirlles tantas veces o que fan mal. Facer que sexan quen de crear o seu propio contido e actuar con libertade e verdadeiro sentido crítico, tamén daquilo que non funciona na escola. O Pygmalión positivo actúa con paciencia e benevolencia pero tamén con rigor e disciplina, correxindo e animando e non pedindo metas e obxectivos que non estean ao alcance do seu alumnado porque isto leva ao fracaso académico e persoal. O Pygmalión positivo vai preferir facer catro tarefas no curso nas que realmente se imprique o seu alumnado (pode que incluso algunha destas tarefas marque a súa vida) que darlles trinta temas pouco significativos do "benquerido" libro de texto. Cordialidade, disciplina, respecto, liberdade para equivocarse e aprender do erro, traballo por retos e metas altas pero acadables son algúns dos factores básicos do profesorado Pygmalión positivo que mellora a autoestima e o aprendizaxe (a vida) do seu alumnado.

0 comentarios