FINLANDIA vs ESPAÑA
Hoxe vos deixo este macro-post cos puntos que eu considero máis significativos cando comparamos os sistemas educativos finés e español. Unha grande parte deles reflectidos no traballo desenvolvido ao longo de trece anos na tese do profesor Javier Melgarejo.
O 55% dos pais/nais cren que a familia é máis responsable que a escola da educación dos seus fillos. En España o 15%.
En Finlandia dáse por feito que non só se educa nos centros oficiais, e que non só é válida a educación oficial. A familia é igual de importante así como a propia sociedade.
A ratio alumno-profesor é moito menor que en España (sen ter en conta os novos cambios).
O número de horas que se destinan entre os 7-14 anos é a menor de todos os países da OCDE.
A pesar de que a súa comprensión lectora (que posibilitará a autoformación futura) é excelente teñen menos horas de lingua que en España.
O goberno considera a supervivencia cultural e económica da súa nación en base a unha sociedade do coñecemento.
A disciplina é moi alta, mándanse deberes e poténciase o esforzo.
As súas bilbiotecas son de libre acceso (nin carné nin gaitas) e teñen 4 veces máis libros.
Existen poucos colexios concertados e o estado paga por cada alumno a mesma cantidade sexa dun público ou dun concertado.
As notas medias dos futuros profesores en bacharelato e selectividade deben superar o 9.
Se os futuros profesores teñen que ter medias de 9 ou máis, os formadores na universidade destes teñen uns expedientes e capacidades aínda superiores.
O profesorado e mestres/as son escrupulosamente escollidos en base á súa capacidade educativa e o seu grao de sensibilidade social.
As universidades de formación de profesorado até finais dos 80 facían 4 probas: entrevista, reusmen dunha lectura dun libro, explicación ante unha pequena clase e demostrar aptitudes artísticas (plásticas ou musicais).Nos anos 90 engadíronse 2 probas máis orientadas ás competencias matemáticas e tecnolóxicas.
Os rapaces non empezan a ler até os 7 anos, pero en dous anos xa len mellor que os nosos.
En todas as clases de 1º de primaria os nenos aprenden o abecedario cantando mentres o profesor toca algún instrumento musical.
En Finlandia o 4% dos nenos viven en situación de pobreza, en Suecia o 2%, en España o 12%.
As axudas son especialmente dirixidas a nais con fillos, para impedir que dependan exclusivamente do traballo privado e abandonen as súas obrigacións educativas para cos seus fillos.
Os pais/nais son ávidos lectores e ven considerablemente menos a televisión, os seus fillos en consecuencia imítanlles.
Chéganse a ter dous profesores por aula e cómese gratuitamente unha vez ao día.
Os nenos teñen médicos e enfermeiras escolares. Son o futuro e por tanto a prioridade.
Os mellores docentes destínanse á primaria.
Céntrase o gasto de recursos na primaria, non na secundaria ou terciaria como aquí. É entón cando o neno desenvolve as súas principais habilidades.
En Finlandia a formación pedagóxica e a didáctica ocupa 10 veces máis tempo que en España. 1400 horas impartidas por auténticas eminencias fronte ás 140 dadas en España (imos ver o que pasa co mestrado).
O profesorado de prácticas, cobra un suplemento polo seu traballo e está en contacto permanente coa universidade formadora, aprendendo a traballar en centros moi ben dotados dotados.
Aos mestres e profesores esíxeselles unha tesina obrigatoria na que condensen os seus coñecementos e investigacións. En España faise un traballo que pasa de man en man, ao que se lle cambian os datos e pouco máis.
Foméntase a autoevaluación e o traballo en grupo, no futuro poucos serán os que traballen sós e non dependan do xuízo doutros.
Os directores reciben unha formación específica e elixen os seus traballadores. Non hai oposicións, para iso están as universidades de formación.
Na universidade española a taxa de abandono é do 50%, en Finlandia do 17%.
As películas non se traducen, co que os nenos aprenden máis rápido idiomas e aprenden a ler máis rápido ao estar estas subtituladas.
Non existe a inspección educativa, o sistema controla a súa calidade durante o proceso de formación, previndo e non a posteriori malcurando.
O salario dos profesores é parello ao español, pero os de secundaria e primaria cobran o mesmo. Teñen un poder adquisitivo medio-alto en comparación co resto da sociedade.
Os finlandeses pensan que o profesor é como o molde, se o molde é excelente as copias serán mellores que se é mediocre.
As ofertas de apoio social son de 3 tipos a elixir:
1- A nai recibe unha axuda para coidar ela mesma dos seus fillos.
2- Os nenos acoden a casas de coidado familiar con 4 ou 5 nenos como máximo e cos pertinentes controles sanitarios e sociais.
3- Gardarías municipais que dependen do Ministerio de Asuntos Sociais, non do de Educación.
Que vos parece? Como o vedes? Gañan por goleada? Podedes deixar un comentario.
0 comentarios