Eu estou con vós
En primeiro lugar, imos deixar claro que nesta vida non nos han faltar nunca problemas que nos farán descolocar e ata caer ao chan. Eu tiven problemas con 6, con 12, con 15 (moitos), con 25, con 35 e os teño agora, con case 50 anos. Sei que tamén a xente de 70 e 80 anos os ten. Pero si algo aprendín destes problemas foi que os que tiven cando era adolescente, que eu ollaba gravísimos, me afogaban e non podía superar, non foron tan graves nin, por suposto, tan insuperables como eu pensaba daquela. Cando sintades que xa non podedes máis, que sodes persoas esgotadas, queimadas, tristes, deprimidas, cabreadas cos estudos, coas notas, co instituto, coa familia ou co que sexa, debedes saber, alomenos, que eu estou con vós, para vos escoitar e tender unha mán (ou as dúas) si é que o necesitades. Eu non vos vou xulgar e non vos poñerei un supenso polo que digades ou fagades nun exame. Me interesades vós coma persoas coas vosas circunstancias individuais diferentes e non as vosas notas. O primeiro paso para sobrepoñerse aos malos momentos é pedir axuda. Tedes que despertar da pesadela na que estades a vivir e identificar aquilo que vos fai realmente sentirvos tan mal. Aínda que pareza raro, moitas veces sabemos que estamos mal pero non sabemos exactamente a que é debido. Cando sabemos que é, ou quen é, o que nos está a machacar, xa estamos no camiño da solución. Nunca debedes de vos consolar pensando que outras persoas están igual o peor que vós e nunca vai ser positivo reprimir as vosas emocións. Non é que teñades que quentarlle a cabeza a todo o mundo coas vosas desgrazas persoais pero sí falar, e incluso chorar si é que pasa, cunha persoa de confianza. Lembrade sempre que outras persoas temos pasado polo mesmo que estades vós a pasar e saímos adiante. Asegúrovos tamén que esa dor que sentides non durará sempre, que ese afogo desaparecerá e o sol brilará de novo. Cando unha persoa se sinte moi mal, axuda moito facer algo por alguén e isto vai ser unha das maiores satisfaccións que atoparedes na vida. Poucas cousas nos han dar máis felicidade ao longo dos anos que axudar a persoas máis desafortunadas e vulnerables do que somos nós. Para rematar, quero decirvos que é importante extraer leccións, reflexionar sobre as ensinanzas que podedes sacar do que vos está a afundir e, sobre todo, como as ides utilizar para saír persoas máis fortalecidas. Querido alumnado, tentade buscar sempre o lado positivo do que vos aflixe, tamén do sistema educativo que estades a sufrir, e debedes ter sempre moi claro que todos e cada un de vós valedes moito e tedes unha chea de cousas boas que a escola non quere ou non sabe aproveitar. Aprobar non significa aprender, suspender non significa que non sirvades e moitas persoas moi brilantes fracasaron e fracasan nesta escola anclada no pasado.
0 comentarios