Blogia
MZUNGU

Acceso FP Básica Orde 13 xullo 2015

Artigo 10. Requisitos de acceso á oferta obrigatoria

Segundo o establecido no artigo 15 do Decreto 107/2014, para acceder á oferta obrigatoria é preciso que o alumno ou a alumna cumpran de forma simultánea os seguintes requisitos:

a) Facer 15 ou 16 anos no ano de inicio do ciclo formativo.

b) Ter cursado o terceiro curso de educación secundaria obrigatoria ou, excepcionalmente, ter cursado o segundo curso.

c) Ser proposto/a polo equipo docente ao pai, á nai ou á persoa que teña a titoría legal para a incorporación a un ciclo de formación profesional básica.

Cumprirá, ademais, o consentimento do pai, da nai ou dos/das titores/as legais do alumno ou da alumna, para cursar estas ensinanzas.

Artigo 11. Procedemento para realizar a proposta de incorporación á oferta obrigatoria

1. Para realizar a proposta de incorporación dun alumno ou dunha alumna a un ciclo formativo de formación profesional básica seguirase o procedemento seguinte:

a) O equipo docente dos grupos da educación secundaria obrigatoria con alumnado que poida ser proposto para realizar ciclos formativos de formación profesional básica, xunto co xefe ou a xefa do Departamento de Orientación, realizarán unha reunión onde se analice a situación escolar do alumnado en risco de non alcanzar o título de graduado en educación secundaria obrigatoria. Nesta reunión establecerase unha relación de alumnado susceptible de se incorporar ás ensinanzas de formación profesional básica, que será asinada por todo o equipo docente e o xefe ou a xefa do departamento de orientación. Con carácter xeral, esta reunión coincidirá coa sesión de avaliación final ordinaria do mes de xuño ou, de ser o caso, coa sesión de avaliación das probas extraordinarias do mes de setembro.

b) Posteriormente, o titor ou a titora elaborarán para cada alumno ou alumna o consello orientador, segundo o modelo do anexo II, coa axuda do xefe ou a xefa do departamento de orientación, no cal se fará constar:

• O grao de logro dos obxectivos e de adquisición das competencias que xustifican a proposta.

• As dificultades de aprendizaxe presentadas.

• As medidas de atención á diversidade aplicadas, de ser o caso.

• Os motivos razoados polos que o equipo docente considera a conveniencia de que o alumno ou a alumna se integren nun ciclo formativo de formación profesional básica.

O consello orientador emitirase por duplicado e irá asinado polo titor ou a titora do alumno ou da alumna, en nome do equipo docente, o xefe ou a xefa do departamento de orientación e a persoa encargada da dirección do centro educativo.

c) A dirección do centro comunicaralles ao pai, á nai ou aos/ás titores/as legais do alumno ou da alumna que este/a foi proposto/a para un ciclo formativo de formación profesional básica, e entregará un exemplar do consello orientador e o documento no cal, de ser o caso, darán o consentimento para incorporar o alumno ou a alumna a estas ensinanzas (anexo III).

O Departamento de Orientación colaborará coa dirección do centro para informar o alumnado e as familias do alumnado proposto acerca das características xerais e das finalidades dos ciclos formativos da formación profesional básica.

d) O documento de consentimento deberá vir debidamente cuberto e asinado por calquera dos/as titulares da patria potestade ou representantes legais. No caso de separación ou divorcio destes, será necesaria a sinatura de ambos os proxenitores, agás nos supostos de alumnado afectado por situacións de violencia de xénero ou de que a patria potestade estea atribuída, con carácter exclusivo, a un deles. Nestes casos, será necesario presentar, xunto co documento, a resolución xudicial correspondente para que o centro educativo a cotexe.

De non entregar este documento no prazo que se estableza, entenderase que non dan o consentimento.

e) No caso de que o pai, a nai ou os/as titores/as legais do alumno ou da alumna dean o consentimento para o/a incorporar a estas ensinanzas, a dirección do centro educativo entregaralles por duplicado o documento de comunicación de incorporación á formación profesional básica segundo o modelo do anexo IV. Un dos exemplares deberá ser entregado no centro onde o alumno ou a alumna soliciten a súa admisión.

f) Un exemplar do consello orientador e, de ser o caso, do documento de consentimento incluiranse no expediente académico.

2. Utilizando o mesmo procedemento, o equipo docente poderá realizar a proposta de incorporación a un ciclo de formación profesional básica do alumnado escolarizado na educación secundaria obrigatoria con 17 anos feitos no ano de inicio do ciclo formativo, escolarizado na educación secundaria obrigatoria.

 

0 comentarios