Quen protexe os dereitos básicos dos menores?
Xa pensei que non ía poder escribir nunca esta entrada! Están a ser semanas de traballo salvaxe, excesivo e, moitas veces, incoherente. Non me queixo xa que son un privilexiado que fai o que lle gusta. Dende o día primeiro de setembro atendendo alumnado, familias, facendo as avaliacións extraordinarias, revisando os informes de todo o alumnado que chega novo ao noso instituto, avaliando e realizando todos os informes (20) dos programas de mellora (PMAR) para 2º e 3º da ESO, xestionando xunto a dirección a inclusión do alumnado da FP Básica de Madeira, cumprimentando todas as bolsas de necesidades específicas (cada curso temos moitas máis), facendo as avaliacións iniciais do alumnado, redactando o plan de atención á diversidade e a programación anual, readaptando o plan de acción titorial e o plan de orientación académica e profesional, a día de hoxe preparando as adaptacións curriculares do alumnado que o necesita (o curso pasado tivemos 16 ACIs).
Pero, quen se ocupa realmente de solucionar os graves problemas do noso alumnado que teñen que ver coa vulneración dos seus dereitos como menores? Eu fago o que podo e as veces un chisquiño máis, a dirección e algúns compañeiros do centro sei que tamén pero, desgraciadamente, non chega en absoluto.
Serei moi claro, no noso centro, como tamén no resto, hai alumnado que non ten a suficiente protección nin atención cotiá, alumnado sen a mesma vida fácil dos nosos fillos, que pasan por situacións inverosímiles que vulneran, clarisimamente, os dereitos básicos de todos os menores. Podemos estar moi preparados e comprometidos pero cando se trata destas situacións de indefensión de tanta gravidade de alumnado que realmente sofre cada día, ningunha preparación nin compromiso parece chegar. Estou a falar de facerlles na práctica a vida máis doada, de axudas reais e non de emitir informes e respostas burocráticas que non lles serven para nada ou, as veces, incluso lles poden por as cousas máis difíciles. Convivimos con estas situacións de vulneración dos dereitos e non temos a suficiente enerxía, consumida en moitos casos ao facer as tarefas burocráticas antes sinaladas, nin a forza emocional, nin os recursos para afrontalas siquera cunha nota dun suficiente raspado (dásenos ben poñer nota). Para min, dende logo, son estas situacións as que requiren a miña atención dende que desperto cada día e sei que tamén para algunhas das persoas que traballan no meu centro. Pero, sendo sinceiro, tamén asisto a respostas e reaccións daquelas outras persoas que o único que queren e non ter problemas e, por desgracia, o seu número supera por bastante ás primeiras. Iso sí, esas poucas persoas que fan por defender os dereitos do noso alumnado e resgardar e protexer aos que máis axuda necesitan, valen moito máis que centos das que non queren problemas. Morreu a sua nai, o seu pai o abandonou, non pode ver aos seus irmáns, cambio de centro tres veces nun curso, vive cunha familia de acollida que non a quere, recibe palizas a cotío, ten a nai alcoholizada e a piques de morrer e ... “non chega ao cinco, molesta na clase e non podo aprobalo”.
O instituto non pode ser o sitio para solucionar estas situacións de violencia e malos tratos na familia, de absentismo escolar e de abandono de menores porque non temos as ferramentas nin o persoal necesario. Estou a falar de que pelexamos contra o peor do noso sistema social e sei que non hai protocolos que servan cando moitos dos implicados o que queren é sacarse o “marrón” de enriba canto antes. Pero, o que parece moi claro é que o sistema, sinxelamente, non funciona ou cada ano vai a peor. Pero si os centros de ensino non podemos, cando recurrimos aos servizos de intervención familiar e social as respostas externas tampouco solucionan, non aparecen, son esquivas, non é da súa competencia, non poden, non teñen profesionais, están saturados, non hai orzamento. Cando estes servizos externos actúan, en non poucas ocasións, se pon en marcha unha maquinaria obsoleta e doutro tempo que moitas veces fai real, por desgraza a frase “peor o remedio que a enfermidade”.
Desgaste, frustración, estrés e burn-out por non ser quen de poderlles ofrecer a este alumnado a axuda que realmente necesitan. E non conto coma axuda darlles unha pastilla para que estean “quietos e calados” que parece ser a moda da nosa actual sociedade. Cando falamos as persoas implicadas neste tema concluimos que ninguén se ocupa na práctica de asistir realmente a este alumnado cos seus dereitos do menor gravemente vulnerados, de ofrecerlles sosego psicolóxico, de axudalos nas súas casas, de faciltarlles algo as súas vidas.
Este alumnado en grave risco e con tantas dificultades non pode esperar pero, quen é responsable de que se cumplan con eles os seus dereitos como menores?
Só era unha reflexión sobre o desamparo que sufren moitos dos alumnos e alumnas que engrosan as estatísticas de fracaso escolar e aos que os sistema educativo e a sociedade actual moi pouco parece ofrecer.
E remato xa, que debo seguir a facer o meu traballo redactando algúns informes e facendo as adaptacións do currículo para enviar ao servizo de inspección educativa.
0 comentarios