Wertgoña de LOMCE
Parecía que non chegaba pero... agora xa estamos todas/os a botar as mans á cachola, este curso é o último con PCPI, os nosos carpinteiros non van poder acadar o seu Título de ESO por esta vía, seica non o merecen segundo Wert e compañia. E profesorado e familias, en xeral, aguantando o chaparrón. Esperade un curso máis, que o que ven é moito mellor! Reválidas en todas as etapas -que vaian espabilando os pequenos de primaria- sí claro, tamén examen para acadar os títulos na ESO ou Bach. Nen siquera eu tiven que facelas cando era mozo! Adeus aos Programas de Diversificación, con obxectividade a mellor das medidas de atención á diversidade que tivemos. Cal é a razón de tirar algo que tan ben funciona? Xa veremos a concreción na práctica deses supostos programas de mellora do rendemento en 2º e 3º da ESO dos que fala a LOMCE. Alá van, practicamente, todas as funcións do Consello Escolar e, como non, a Administración vai ser chave na eleción das direccións dos nosos centros. Iso sí, a relixión vai ser de oferta obrigatoria, o seu currículo e profesorado competencia das autoridades relixiosas e, hai que ser intelixentes, fíxase unha materia alternativa que faga de efecto chamada para cursar a nosa preferida, a relixión católica! cun grande valor académico, non como as ciencias!
O que non é tan novo para algúns coma min é o de ter que escoller o noso futuro en terceiro de ESO (moitos pensamos que xa en 2º), xa temos suficiente idade para escoller, segundo o lexislador. Temos unha opción máis académica e que debe conducir ao bacharelato e outra de iniciación á FP para aqueles que valen menos para o estudo. Xa era hora, sen complexos, o que vale ao Bacharelato e o que non a FP, que aprenda un oficio e que o teña claro xa en 3º de ESO...que si, que os temos moi protexidos e non se están a esforzar nada, nen nos estudos nen na vida! Iso sí, despois de ir vendo os novos RD xa publicados, como o de primaria, chaman a atención certos cambios como que pasan de 8 a 7 o número de competencias básicas. Claro, como non, adeus competencia cultural e artística. A cultura tampouco é tan importante, quitémoslle as subvencións e o nome da competencia incluso, se fai falla. Faime graza este “pequeno” cambio xa que moitos teóricos pensan que isto conleva un cambio na propia concepción da sociedade e, claro, dos individuos que a conformamos. Unha lei divertida cun desenvolvemento normativo á altura de miras do ministro Wertgoña. Seguiremos sufrindo e analizando a LOMCE en vindeiros post.
0 comentarios