Blogia
MZUNGU

Recomendacións para o verán

 

Espero que este sexa o meu último post ata setembro pero non sei si aguantarei. Onte tivemos o que eu denomino coma “performance grotesca”. Sí, as xuntanzas de avaliación seguindo sempre, como ía ser doutro xeito, a tradición. E sempre me pasa, cada ano máis, que non podo deixar de pensar na cantidade de alumnado, entre outras persoas, que estes días están a pasar por momentos difíciles. Moito ánimo que o sol vai seguir saíndo cada día!. Unha primeira suxerencia é que reflexionedes en frío sobre o grao de responsabilidade que tedes para poder centrarvos canto antes e con claridade no que debedes cambiar. Distinguir o que podedes e non podedes controlar é fundamental xa que unha das maiores fontes de ansiedade é pensar que todo depende de nós. Preguntádevos que podedes facer agora mesmo, neste intre, por pequeno que sexa, e facelo xa que isto mellorará o voso estado de ánimo e a vosa autoestima. Cando estamos moi agobiados ou estresados temos tendencia a descoidar a nosa saúde física e mental, durmimos pouco, comemos mal e deixamos as actividades físicas. Mal camiño! Cando teñades problemas, tedes que facer unha rutina diaria saudable, mente e corpo van unidos e si descoidades un o outro non vai respostar como debería. Onte lle preguntei a unha alumna moi brilante si pensaba ela que o que lle preocupa tantísimo estes días ía a ser importante para ela dentro de dez anos e… lle deu a risa! Familia, saúde e amor son e serán sempre determinantes nas nosa vidas e, poucas cousas máis. Metidos ata o pescozo nos supostos problemas sen solución, perdemos a perspectiva real e de futuro e nos han inundar os pensamentos irracionais e negativos. Pois ben, case na totalidade, os problemas que hoxe vedes coma grandísimos non serán importantes para vós dentro de cinco ou dez anos. Somos expertos en crear tormentas en vasiños de auga! Lembrade sempre que un 10% da vida das persoas está relacionado co que nos pasa realmente e o 90% restante coa forma na que reaccionamos ao que nos pasa. Escapade sempre das persoas tóxicas que miran sempre o voso lado negativo, que non vos escoitan, que sempre vos sinalan os defectos ou non teñen en conta os vosos sentimentos e nunca debedes deixarvos presionar para facer cousas que non queredes. Que non vos importe o que pensen os demais, aceptar as vosas limitacións e traballar para melloralas (pedir axuda é unha sinal clara de fortaleza) e ter claro que dos erros se aprende moito, que os grandes éxitos veñen sempre precedidos de certos fracasos e sempre, sempre, vivide disfrutando do momento porque é o único que temos. Remato citando de novo o libro que vos recomendo “El hombre en busca de sentido” de Viktor Frankl, psiquiatra  que estivo a piques de morrer nos campos de concentración nazis e que resumo nesta frase ao fío do que vos decía “A unha persoa lle poden roubar todo, menos unha cousa, a última das liberdades dunha persoa, a elección da súa propia actitude ante calquera tipo de circunstancia, a elección do seu propio camiño”.


Disfrutade do verán!!

 

0 comentarios