Blogia
MZUNGU

ARTIGOS

NEUROEDUCACIÓN? Sí, grazas!

Teñen que ver os aspectos neurolóxicos, fisiolóxicos e químicos do cerebro coa aprendizaxe do noso alumnado? A resposta parece clara para os científicos, a neurociencia  determina as aprendizaxes das persoas. Non é tan evidente, a xulgar polos nosos métodos de ensino, nas escolas e institutos. Fagamos caso á neuroeducación que, bebendo da mediciña e a psicoloxía, mellora os procesos de aprendizaxe do alumnado e tamén do profesorado. Xa decía un descoñecido como Platón que a disposición emocional do alumnado determina a súa habilidade para aprender. Por suposto, os mecanismos neuronais das emocións póñense en marcha, inconscientemente,  moito antes que os cognitivos. Emocións, sentimentos e aprendizaxe sempre tan relacionados. Calquera experiencia de aprendizaxe pode ir vinculada a pracer ou dor. No primeiro caso o alumnado quererá repetir a experiencia pracentera e outras similares pero no segundo fuxirá e non atenderá a aquelas experiencias emocionais de clase tan desagradables. Aprender conleva cambios físicos relacionados coas sinapsis neuronáis. Si na nosa clase somos quen de prender o interruptor da curiosidade, o noso alumnado focalizará a súa atención e comezará o proceso de aprender. Cando este interruptor das emocións se apaga aprender é moi difícil. Son emocións que axudan a aprender a curiosidade, a motivación, o entusiasmo, a autoconfianza ou a confianza nas outras persoas, sobre todo no profesor da materia. Si, como afirman os neurocientíficos, as células dos nosos cerebros só aprenden cando fan algo ben e non cando metemos a pata e isto é adaptativo… irremediablemente teremos que proporcionar nas clases ao alumnado experiencias de éxito xa que, si sempre erran ou non saben, a ruta de aprendizaxe vaise romper, algunhas veces para sempre. Os exames sorpresa non parecen ir moi ben ;-) E sí, compañeiros, como moitos intuíamos, a ciencia dinos que a motivación ven sendo o motor de arranque da aprendizaxe, o impulso e a razón pola que o alumnado vai prestra atención e centrar a súa memoria. Non van aprender nada a non ser que lles motive, lles diga algo ou lles teña algún significado que os “encenda” emocionalmente. Neuroloxicamente falando, a motivación, o desafío motivador, segrega dopamina pensando xa no premio, no proceso para resolver o problema vaise segregar adrenalina e na resolución serotonina. Non hai drogas ilegais tan potentes!! Iso sí, entre 12 e 18 anos, por exemplo, os tempos de máxima atención oscilan entre 12 e 15 minutos así que non hai alumnado que poida estar moi concentrado na mesma tarefa de aprendizaxe 50 minutos. Penso, por último, que todo o persoal docente debe coñecer e comprender un chisco como aprende o cerebro, como procesa a información, a súa fraxilidade fronte a determinados estímulos negativos ou cales son as emocións si é que queremos que o noso alumnado chegue a clase tan contento como sae dela. GuiñoSonrisa

Medicalización das nosas vidas (1)

 

Todos seremos enfermos mentais nuns poucos anos? En Estados Unidos xa son case sete millóns de nenos medicados para Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade (TDAH) e calcúlase que 15.000 deses nenos teñen menos de 3 anos. En Holanda, un importante estudo, xa no ano 2009, atopou que un 34% do alumnado entre cinco e quince anos eran tratados do mesmo trastorno. Pode ser creible que un de cada tres rapaces sexa hiperactivo? Calquera profesional serio sabe que a incidencia está en torno a 2-3% da poboación infantil. Todo o profesorado é coñocedor que nos centros de ensino, cada curso que pasa, hai máis alumnado medicado. O noso non é unha excepción, máis ben ao contrario. Que está a pasar? O norteamericano Allen Frances que dirixiu durante anos o DSM, considerado a biblia de psiquiatras e psicólogos opina, como algús profesionais non paramos de repetir fai 10 anos, que estamos a convertir problemas cotidianos en trastornos mentais. Onte estiven estudando o DSM-5 e, alongouse tanto a listaxe de patoloxía, que vos podo asegurar que eu mesmo me recoñezo en algúns trastornos. Hoxe esquecinme de facer unha chamada, pode que teña unha predemencia; tampouco durmín ben, insomnio postdormicial; as veces como coma un león, seguro que son un comedor compulsivo; cambio de estado de ánimo, son bipolar. En fin vou ir comprando un pastilleiro dos máis grandes. O propio Frances recoñece que infravolaron o poder das farmaceuticas para facer crer a profesionais da mediciña, familias e pacientes que o trastorno psiquiatrico e psicolóxico é algo do máis común e tomar varias “pastis” diarias tamén. Os fármacos son necesarios nos problemas mentais graves e severos  pero o seu consumo para problemas cotidianos pode ter máis dano que beneficio. Cando no DSM-IV se incluiu o asperger  e os outros trastornos do desenvolvemento, o diagnóstico de autismo se triplicou. O mesmo, pero ao bruto, pasou coa hiperactividade pero o seu dianóstico multiplicouse por 40 (sí, sí, 40), por suposto coincidindo co lanzamento ao mercado no ano 1998 desas novas “pastis” de última xeración, que non quero citar, tan caras e coñecidas por tantas familias e que odian tantos rapaciños. Por suposto, a elevada angustia da familia, por exemplo ao escoitar ao profesorado que o seu fillo non progresa como o resto, fai que os profesionais de saúde mental accedan con prontitude a prescribir a medicación. Non hai evidencia científica de que a longo prazo a medicación faga mellorar os resultados escolares, aínda que a curto prazo calme ao alumnado e faga que se centre un pouco. Non estaremos facendo un experimento a grande escala con estes nenos sen saber os efectos adversos que esta medicación pode ter co tempo? Penso, para finalizar, que moito ten que ver nisto a nosa actual cultura hedonista da vida, que busca o benestar a calquera prezo, inmediatamente e, se pode ser, co menor esforzo posible. Non é moi difícil dar unha “pasti” co almorzo ou castigalos sen actividades extraescolares pero non parece tan doado supervisar e axudar cada tarde cos estudos e as tarefas escolares. Estou canso deste post, vou tomar un ibuprofeno!Guiño

PROFESORADO COMPETENTE EMOCIONAL

 

Profesorado Competente Emocional

Como facilitan o noso traballo estas persoas tan especiais! Profesorado que traballa con nós e ten a creatividade para innovar coa intelixencia emocional de ser quen de se decatar cando as persoas que lles rodean non se atopan ben. Falo desas persoas, por desgraza non abondan, que conectan e comprenden aos compañeiros: saben que hoxe non é o noso día, que temos algún problema ou que non estamos ben para a seguinte clase. Danse de conta do dito cunha empatía e asertividade moi pouco frecuente, por regra xeral, no resto da xente. Probablemente cando eran novos choraban ao ver chorar aos outros e seguro que aínda agora, de adultos, lles sucede tamén. Estou a describir a profesorado intelixente, diverxente, cunha sensibilidade especial coa xente en xeral e, coma non, co alumnado en especial. Decátanse dos problemas dos demais e, máis importante, tentan axudar e solucionar o que estea na súa man, moitas veces dun xeito pouco común ou bastante diferente de como o faríamos o resto. Que sorte e que grandes sodes!! Pasan a acción, fan o que din e son quen de chegar ás outras persoas con moita facilidade e cunha axeitada linguaxe, verbal e non verbal. Poderían aparecer coma despistados e pouco participativos pero, en xeral, están sempre pendentes do que acontece no seu centro, sobre todo das persoas, coa idea de sumar e nunca restar ou dividir. Innovar e mellorar é fácil para eles xa que teñen moita tolerancia á frustración e nas súas actuacións non existen os sentimentos de resignación. Parece prevalecer sempre neles a capacidade de superación e unha actitude case sempre positiva e optimista. Sempre ven a botella medio chea e disfrutan do seu traballo cada día, con autocontrol e autoestima persoal, valorando o traballo dos outros e sen necesidade de recoñecemento alleo. Entusiásmanse e contaxian alegría e optimismo e, cando lles preguntas, considéranse persoas felices  e con gusto por facer cousas novas e diferentes. Por suposto, loitar contra a resistencia ao cambio, acarréxalles en moitas ocasións problemas nos centros de ensino, tan anclados na tradición e no século pasado. Por último, expresan as súas emocións e son quen de poñerlle nome aos seus sentimentos polo que non teñen problema en recoñecer os seus erros, o que os engrandece, aínda máis, tamén diante do alumnado. Veñen traballar cada día coa idea de aprender e disfrutar, máis que de ensinar, e sempre atoparás nelas/es unha palabra agarimosa e, moi probablemente, un sorriso complacente. Moitos non son pero... grazas pola vosa intelixencia emocional e as vosas habilidades sociais! Facédesnos cada día o traballo máis doado nas escolas e institutos!SonrisaGuiño


Intelixencia Emocional e Creatividade

 

Intelixencia Emocional e Creatividade

 

Temos que re-descubrir nas nosas escolas algo tan importante a nivel adaptativo que fixo que, filoxeneticamente falando, os humáns ocupemos o lugar que ocupamos. A intelixencia emocional que é, dun xeito moi resumido, a capacidade para sentir, entender, controlar e modificar os estados anímicos propios e alleos. Por sorte, a intelixencia emocional é unha habilidade, non un rasgo de personalidade e, por tanto, se pode aprender e ensinar. A outra dimensión que nos diferencia do resto dos animais, moi ligada a anterior e que temos que traballar moi ben é a creatividade. O alumnado creativo vai poñer en marcha habilidades coma son a arte de facer preguntas diverxentes, a ampliación dos límites ordinarios das cousas o cal implica tolerancia, o cambio de perspectiva que vai supor, sen dúbida, empatía  a posibilidade de facer asociacións extraordinarias con flexibilidade ou a posibilidade de imaxinar consecuencias ao que facemos na clase. E aínda que intuitivamente moito profesorado pense o contrario, eu considero que a creatividade aflora moito mellor con certas normas xa que é unha metodoloxía de traballo que vai implicar disciplina e organización. O alumnado sen ningunha norma non ten fácil ser creativo, é disperso e vaille fallar a capacidade de concretar e, por contra, as persoas creativas sempre van ter un método e uns obxectivos máis ou menos claros e definidos.

Vos preguntaredes como podemos usar a intelixencia emocional e a creatividade para que o noso alumnado aprenda mellor. O que os psicólogos chamamos a dimensión afectiva da aprendizaxe, isto é, a boa disposición do alumnado e sobre todo a súa motivación dependen, coma sempre, da médula espiñal da aprendizaxe que é, de novo, a metodoloxía utilizada. Temos que proporcionarlles confianza en que poden facelo e non pensen no fracaso. Deben sentir a curiosidade coma esa sensación positiva ao descubrir cousas novas, facer as cousas con intencionalidade e sentíndose competentes e todo isto con autocontrol, sendo quen de dominar as súas accións en relación coa idade e cos demáis, comprendendo e tendo a sensación de ser comprendidos tamén polos outros. Temos que traballar co alumnado, por último, a capacidade de comunicación e cooperación, isto é, que teñan desexo e capacidade para intercambiar ideas, sentimentos ou conceptos cunha sensación de confianza, equilibrando as propias necesidades coas dos demais nas actividades grupais. Sí, a comunicación xoga un papel fundamental nas aprendizaxes, educar é transmitir coñecementos pero de persoa a persoa, de mente a mente, e nese cerebro se producen operacións intelectuais pero sobre todo movementos emocionais e afectivos que axudan o perxudican a adquisición de novas aprendizaxes. Os máis expertos especialistas de todo o mundo coinciden nisto: as aprendizaxes vanse dar na dimensión intelectual pero tamén nunha emocional e afectiva. A nosa actitude e metodoloxía coma docentes ao ensinar coñecementos ou ao manexar a disciplina van influir, para ben ou para mal, na aprendizaxe do noso alumnado. Imos conseguir que o noso alumnado sexa quen de ver un charco coma unha oportunidade e non coma un obstáculo difícil de pasar, típico nas persoas adultas.

 

Innovación e Intelixencia emocional

Innovando con intelixencia emocional

Retomando o meu post de final do curso pasado, insístovos que dende o meu punto de vista o ensino non necesita pequenas innovacións ou reformas, necesita un cambio radikal (con k). Non chega con pensar que innovamos por utilizar tecnoloxías como as tabletas e outros dispositivos nas nosas clases, non! O colectivo docente e a escola, en xeral, necesitamos facer verdadeiras innovacións, sí, pero metodolóxicas. Pode que nunha escola do século XXI (que funciona, iso sí, con métodos do XIX) ao facer calquera innovación educativa teñamos que utilizar as tecnoloxías nas nosas prácticas docentes co obxectivo de melloralas pero, realmente, a finalidade non é utilizar tecnoloxía (tabletas ou ordenadores) na clase, senón cambiar os nosos métodos de ensino para optimizar as aprendizaxes do alumnado. As distintas tecnoloxías utilizadas nunca deben ser o fin en sí mesmas e si un medio para acadar melloras metodolóxicas que ofrezan resultados óptimos acordes con estas melloras. A sociedade avanza tan a presa que temos que repensar o noso rol de docentes, por exemplo coma ­creadores de contidos. Canto tempo perdemos navegando pola rede buscando material que podemos elaborar facilmente? Teremos que utilizar aprendizaxes activas basadas en retos, xa que nin siquera podemos imaxinar os diferentes traballos que desenvoltará o noso alumnado porque aínda nin existen! En definitiva, temos que ir re­pensando como debemos traballar na escola re-­avaliando o actual modelo tradicional con libro de texto e, como non, os exames. Eu penso que utilizar tecnoloxía portable é do mellor xa que é moi doado ter ferramentas de supervisión das tarefas integradas nos dispositivos (nos interesa saber tamén o que fan nas casas) coa finalidade última de que o alumnado cré contido e non sexa un mero consumidor do mesmo. As Flipped Classroom funcionan moi ben e a ludificación ou gamificación do ensino ten infinidade de actividades para calquera obxectivo, tarefa, momento e lugar de aprendizaxe. O modelo BYOD (bring your own device) ten moitas posibilidades aínda que penso que a homoxeneidade de dispositivos facilita a nosa tarefa docente. Nada de todo o dito servirá sen traballar con intelixencia emocional nas nosas clases. Como vai ser posible aprender algo (con o sen tecnoloxía) senón somos quen de xestionar as nosas emocións nin coñecer as dos demáis? Por sorte, a empatía, a asertividade ou a resiliencia son emocións e, por tanto, habilidades que poden traballarse e aprenderse, tamén coa tecnoloxía. Remato coincidindo co grande Alvin Toffler decindo que o futuro vai ser para o alumnado que desenvolva habilidades de pensamento crítico. Como docentes o noso reto non é tanto o que ensinamos senón coma o imos facer. Trátase de ensinar ao noso alumnado a tomar decisións xa que isto mellorará a sua autoestima e, por tanto, a súa  intelixencia emocional e non tanto tentar que acumulen definións ou listas de conceptos que terán que refrendar en exames ou reválidas. Xa non aprendemos como antes!!

Artigo final de curso 2013-14

rEDUvolución*

Na miña modesta opinión, o profesorado é un dos colectivos máis importantes da sociedade e opino que sen educación non hai futuro. Penso tamén que somos os educadores os que cambiaremos o mundo pero só poderán facelo aquelas/es que sexan felices co que fan e desenvolvan o seu traballo con amor e humor. Non obstante, non creo que ao sistema educativo lle chegue con unha reforma, coma moita xente afirma, necesita unha transformación total. Nunha escola do século XXI xa non serve a metodoloxía do XIX. O noso alumnado, coma os nosos fillos, nunca van aprender coma nós aprendimos e, queirámolo ou non, isto é así incluso neurofisioloxicamente falando. As nosas aulas son un escenario no que a obra representada non ten nada que ver coa de fai uns anos e isto require un novo papel do profesorado que antes tiña garantida audiencia e obediencia pero agora ten que ser quen de gañar a motivación, interese e respecto do alumnado. Como afirma Vaello Orts o profesorado ten que educar con intelixencia emocional e iso quere decir ter competencias socioemocionais coma o autocontrol, a resiliencia ou a autoregulación do seu nivel de ansiedade que van ser, ademais, ferramentas indispensables par a satisfacción profesional e persoal. Cando calquera lembramos ao mellor profesorado que tivemos, sempre o asociamos a cualidades sociais ou emocionais coma son a cercanía, a empatía ou a súa dispoñibilidade. Do peor profesorado sempre lembramos e comentamos, sobre todo, ás carencias emocionáis e sociais que tiña. Xa non se trata de adquirir coñecementos senón de resolver problemas, de pensar criticamente por elas/es mesmas/os, de adquirir habilidades sociais, de colaborar e traballar en equipo, de adaptarse aos múltiples cambios dun xeito continuo e permanente e, sobre todo, de aprender a aprender pola súa conta, en calquera momento e lugar, o que chamamos aprendizaxe líquida e ubícua. Aprender non é aprobar e viceversa. E remarco que, como afirman Richard Gerver e Ken Robinson que son dous dos educadores con máis influencia do panorama educativo mundial, os exames son unha maneira anacrónica e moi vaga de medir o suposto coñecemento do noso alumnado e non falemos, por exemplo, da vergoña que están a supor para moitos sistemas educativos avaliacións coma PISA. Gerver considera PISA e outras réplicas de esta coma un suicidio que están a facer máis dano que calquera outra cousa na nosa sociedade. Ninguén nos conta que os seus resultados están falseados en moitos paises coma en China, que ocupa unha das primeiras posicións do ranking mundial, pero o alumnado con problemas non acude os días da proba á escola. En Shanghái, por exemplo, as autoridades vetan algunhas preguntas e en Finlandia, pola contra e agora curiosamente na duodécima posición, adícanse realmente a dar unha formación múltiple e integral ao seu alumnado e non o preparan especificamente para estas probas marcadas polas directrices, coma non, dos mercados. Na mesma liña, Howard Gardner falando da intelixencias múltiples, teoría que comparte a práctica totalidade da comunidade científica, amósanos coma a brilantez académica pode non supor nada e o noso alumnado de Salvaterra pode necesitar, coma o resto, algo máis que o seu expediente académico para desenvolverse na vida. Temos alumnado cunha grande capacidade intelectual pero que moito profesorado pensa que non é quen de escoller ben, por exemplo as súas amistades e os seus estudos, e outro que, pola contra, son líderes e triunfan grazas as súas habilidades sociais e intelixencia emocional e suspenden todas as materias. Ser competetente en distintos campos necesita dun tipo de intelixencia distinto, nin peor nin mellor, e existen distintos tipos de intelixencia que debemos desenvolver para aprender na nosa vida. Resumindo, Einstein non foi nin mais nin menos intelixente que Michael Jordan, sinxelamente as súas intelixencias pertencen a campos diferentes. Hoxe xa podemos afirmar, con rigor, que a intelixencia non é solamente innata e, dende logo, a educación pode chegar, faino nalgúns casos, a modificar a nosa cognición tendo en conta que podemos coñecer e aprender o mundo que nos rodea de oito formas diferentes: ao través da intelixencia lingüística, da lóxico-matemática, da visual-espacial, da musical, da corporal e cinética, da interpersoal ou social, da intrapersoal e da naturalista. A LOMCE só considera importantes as linguas e as matemáticas, que graza! Estas distintas maneiras de achegarmos ao mundo e de aprender desafían claramente o noso sistema educativo que presupón, e desexa, que todo o alumnado aprenda as mesmas materias da mesma forma e que é válida a clase maxistral subliñando penosos argumentos de “sempre se fixo así” ou “non queren aprender”. Podemos buscar excusas na lexislación, na falta de axudas ou na política pero nas nosas clases podemos facer o que consideremos, con creatividade, valorando os erros e deixando meter a pata, con traballo colaborativo e por proxectos e, en definitiva abrindo a nosa aula e pondo a aprendizaxe na punta dos dedos do alumnado con dispositivos móbiles. Tamén podemos utilizar o Visual Thinking, a Flippedd Class, os vídeos e os podcast cun alumnado dunha xeración touch screen que necesita crear para chegar ao cumio da taxonomía de Bloom para unha sociedade dixital. Eu sempre tiven e terei presente na miña vida profesional e persoal un piar básico como é a compensación de desigualdades e dar algo máis ao alumnado que menos ten ou pode (tamén na liña da LOMCE ;-). Marc Prensky preguntábase xa no ano 2001 coma deberíamos ensinar ao alumnado “nativo dixital” xa que é moi claro (en moitas clases de 25 alumnos/as 20 non amosan interese algún polo que lles contamos) que a simple reproducción dos métodos que funcionaron no pasado está condenada ao fracaso e somentes provocará desinterese e desmotivación. Pon Prensky moita atención no potencial que amosan os dispositivos móbiles e os videoxogos nos contextos de ensino e aprendizaxe e subliña a necesidade de abrir ás aulas a aprendizaxes máis creativos e motivadores, máis acordes coas competencias desta nova xeración. Remato con Rita Pierson, premiada mestra que durante máis de 40 anos e farta de escoitar nos centros cousas coma “non me pagan para querer ao meu alumnado” ou “sempre se fixo así“ decidiu responder partindo de “o alumnado non aprende de persoas que non lles gustan”. Eu teño claro que o ensino non se fai con reformas senón o través da conexión humana e nunca se vai dar aprendizaxe significativa sen unha relación persoal significativa coma explica James Comer, moi acostumado a traballar con pobres e desfavorecidos nos USA. O profesorado debemos entender primeiro para poder ser entendidos despois polo noso alumnado e opino, para finalizar, que somos un colectivo chamado a marcar a diferenza na nosa sociedade, cambiando a educación para cambiar o mundo, si facemos que o noso alumnado sexa quen de crear con motivación e de entrar tan contento ao instituto coma cando sae del.

 

*O título foi tomado do manual de María Acaso rEDUvolution


 

Premiar os ERROS do alumnado

Interesantísimo artigo de Santiago Moll onde achega 5 maneiras de premiar os erros do noso alumnado. Siiiii, os ERROS!! Risa

Aprendemos dos ERROS

Impresionante artigo de Richard Gerver (para Manolo Risa)

Wertgoña de LOMCE


Parecía que non chegaba pero... a
gora xa estamos todas/os a botar as mans á cachola, este curso é o último con PCPI, os nosos carpinteiros non van poder acadar o seu Título de ESO por esta vía, seica non o merecen segundo Wert e compañia. E profesorado e familias, en xeral, aguantando o chaparrón. Esperade un curso máis, que o que ven é moito mellor! Reválidas en todas as etapas -que vaian espabilando os pequenos de primaria- sí claro, tamén examen para acadar os títulos na ESO ou Bach. Nen siquera eu tiven que facelas cando era mozo! Adeus aos Programas de Diversificación, con obxectividade a mellor das medidas de atención á diversidade que tivemos. Cal é a razón de tirar algo que tan ben funciona? Xa veremos a concreción na práctica deses supostos programas de mellora do rendemento en 2º e 3º da ESO dos que fala a LOMCE. Alá van, practicamente, todas as funcións do Consello Escolar e, como non, a Administración vai ser chave na eleción das direccións dos nosos centros. Iso sí, a relixión vai ser de oferta obrigatoria, o seu currículo e profesorado competencia das autoridades relixiosas e, hai que ser intelixentes, fíxase unha materia alternativa que faga de efecto chamada para cursar a nosa preferida, a relixión católica! cun grande valor académico, non como as ciencias!

 O que non é tan novo para algúns coma min é o de ter que escoller o noso futuro en terceiro de ESO (moitos pensamos que xa en 2º), xa temos suficiente idade para escoller, segundo o lexislador. Temos unha opción máis académica e que debe conducir ao bacharelato e outra de iniciación á FP para aqueles que valen menos para o estudo. Xa era hora, sen complexos, o que vale ao Bacharelato e o que non a FP, que aprenda un oficio e que o teña claro xa en 3º de ESO...que si, que os temos moi protexidos e non se están a esforzar nada, nen nos estudos nen na vida!

Iso sí, despois de ir vendo os novos RD xa publicados, como o de primaria, chaman a atención certos cambios como que pasan de 8 a 7 o número de competencias básicas. Claro, como non, adeus competencia cultural e artística. A cultura tampouco é tan importante, quitémoslle as subvencións e o nome da competencia incluso, se fai falla. Faime graza este “pequeno” cambio xa que moitos teóricos pensan que isto conleva un cambio na propia concepción da sociedade e, claro, dos individuos que a conformamos. Unha lei divertida cun desenvolvemento normativo á altura de miras do ministro Wertgoña.

Seguiremos sufrindo e analizando a LOMCE en vindeiros post.


ARTIGO

O 38% de menores de 2 anos usa smartphone

FOLGA

ARTIGO

15 frases de Wert que invitan á folga

ARTIGO

As 33 competencias dixitais que o persoal docente do século XXI tería que dominar

ARTIGO

12 RAZÓNS polas que o ensino non se adapta aos novos tempos

DÍA MUNDIAL DE INTERNET

10 CIFRAS INDISCUTIBLES EN ESPAÑA

ARTIGO

"A boa escola non asfixia a creatividade"


ARTIGO (TDAH)

Autoridades de USA alertan dun exceso de diagnósticos de TDAH

ARTIGO

"As 10 revolucións tecnolóxicas de 2013"

Unha galega ideou un lector de e-books en 1946

ARTIGO

"Padres, el éxito no es lo más importante: permitid que vuestros hijos fracasen"