Programa TTI: Presentación do Método de Estudo
SESIÓN 4. Memoria-Repasos (FINAL)
Páx.: (14-20)
Profesorado Competente Emocional
Como facilitan o noso traballo estas persoas tan especiais! Profesorado que traballa con nós e ten a creatividade para innovar coa intelixencia emocional de ser quen de se decatar cando as persoas que lles rodean non se atopan ben. Falo desas persoas, por desgraza non abondan, que conectan e comprenden aos compañeiros: saben que hoxe non é o noso día, que temos algún problema ou que non estamos ben para a seguinte clase. Danse de conta do dito cunha empatía e asertividade moi pouco frecuente, por regra xeral, no resto da xente. Probablemente cando eran novos choraban ao ver chorar aos outros e seguro que aínda agora, de adultos, lles sucede tamén. Estou a describir a profesorado intelixente, diverxente, cunha sensibilidade especial coa xente en xeral e, coma non, co alumnado en especial. Decátanse dos problemas dos demais e, máis importante, tentan axudar e solucionar o que estea na súa man, moitas veces dun xeito pouco común ou bastante diferente de como o faríamos o resto. Que sorte e que grandes sodes!! Pasan a acción, fan o que din e son quen de chegar ás outras persoas con moita facilidade e cunha axeitada linguaxe, verbal e non verbal. Poderían aparecer coma despistados e pouco participativos pero, en xeral, están sempre pendentes do que acontece no seu centro, sobre todo das persoas, coa idea de sumar e nunca restar ou dividir. Innovar e mellorar é fácil para eles xa que teñen moita tolerancia á frustración e nas súas actuacións non existen os sentimentos de resignación. Parece prevalecer sempre neles a capacidade de superación e unha actitude case sempre positiva e optimista. Sempre ven a botella medio chea e disfrutan do seu traballo cada día, con autocontrol e autoestima persoal, valorando o traballo dos outros e sen necesidade de recoñecemento alleo. Entusiásmanse e contaxian alegría e optimismo e, cando lles preguntas, considéranse persoas felices e con gusto por facer cousas novas e diferentes. Por suposto, loitar contra a resistencia ao cambio, acarréxalles en moitas ocasións problemas nos centros de ensino, tan anclados na tradición e no século pasado. Por último, expresan as súas emocións e son quen de poñerlle nome aos seus sentimentos polo que non teñen problema en recoñecer os seus erros, o que os engrandece, aínda máis, tamén diante do alumnado. Veñen traballar cada día coa idea de aprender e disfrutar, máis que de ensinar, e sempre atoparás nelas/es unha palabra agarimosa e, moi probablemente, un sorriso complacente. Moitos non son pero... grazas pola vosa intelixencia emocional e as vosas habilidades sociais! Facédesnos cada día o traballo máis doado nas escolas e institutos!
Programa TTI: Presentación do Método de Estudo
SESIÓN 4. Memoria-Repasos (FINAL)
Páx.: (14-20)
Programa TTI: "Ap. a Estudar 3"
SESIÓN 4. Repasamos o método (FINAL)
Páx.: (15-20)
Programa TTI: "Ap. a Estudar 2"
SESIÓN 4. Memoria (FINAL)
Páx.: (13-16)
Programa TTI: "Ap. a Estudar 1"
SESIÓN 4. O subliñado+Esquemas
Páx.: (13-17)
Nos últimos cursos estamos a ter distintos casos moi heteroxéneos de alumnado con moita ansiedade e fobia escolar. Familias e profesorado, as veces, non sabemos moi ben por onde tirar xa que non é doado actuar coherentemente. Vomitar cada día na clase, ter que marchar a primeira hora para a casa ou non querer vir ao instituto non é fácil de xestionar. O temor a vir ao instituto e a ansiedade das primeiras semanas son típicos e por iso dende orientación enviamos as familias do alumnado de 1º ESO o díptico “Da escola ao instituto”. A fobia escolar caracterízase por un manifesto rexeitamento á asistir ao instituto (ou escola) e implica un temor irracional, as veces por algunha situación particular. Está relacionada sempre co contexto escolar e feitos traumáticos que viviron ou cren que existen no IES (participación obrigatoria nalgunhas actividades, falar en público, respostar oralmente, rexeitamento dos/as compañeiros/as, rixidez do profesorado, etc.). Pode agravarse por reaccións verbais hostís por parte do profesorado ao non comprender os temores do alumnado ou por conflitos na familia ou entre pais e profesorado. Os síntomas inclúen, entre outros, dor abdominal, náuseas, vómito, aumento do ritmo cardíaco, diarrea, dor de cabeza, palidez, debilidade, etc. que aparecen pola mañá antes de ir á escola ou ao chegar e, polo xeral, desaparecen antes que terminen as clases e non aparecen nunca os fins de semana nin días festivos e non lectivos. As fobias son unha forma de medo que responde a estas características: son desproporcionadas á situación que desencadea a resposta de medo e están relacionadas con estímulos que non son obxectivamente perigosos, non poden ser eliminadas racionalmente porque están máis aló do control voluntario, teñen longa duración e interfiren considerablemente na vida cotiá do alumnado ou persoa que as sofre.
O alumnado con fobia escolar manifesta os seguintes tipos de respostas:
1. Néganse a asistir ao colexio e instituto.
2. Choran, gritan e patalexan ao levalos á escola ou deixalos no instituto.
3. Quéixanse de dores e enfermidades cando se achega o momento de ir á escola ou ao chegar ao IES, desaparecendo os síntomas se se lle permite quedar en casa.
4. Manifestan síntomas fisiolóxicos como rixidez muscular, sudoración excesiva na palma das mans, dor de cabeza e estomago, nauseas, vómitos, diarrea.
5. Anticipan consecuencias malas ou desfavorables.
6. Avalían negativamente as súas capacidades.
7. Chegan a planear escaparse do instituto.
Etc.
Orientacións para a intervención familiar
Se se fai cumprir a regra da asistencia diaria á escola, o problema da fobia escolar mellorará de xeito notable nunhas poucas semanas. En cambio, se non lle esiximos que asistan diariamente á escola, os síntomas físicos e o desexo de quedar na casa volveranse máis frecuentes. Canto máis tempo pasen na casa, tanto máis difícil resultaralle voltar á escola. Algún alumno pode estar tres cursos sen aparaecer polo IES. Así pois, está en xogo a vida social e a educación futura do/o neno/a. Cando o/a neno/a se alborota ao separarse da familia, a mellor estratexia é informarlle, calmadamente, que a familia regresará a recollelo ou agardará na casa a súa volta e que teñen que ir e quedar no instituto. Unha separación firme, rápida e con agarimo é o mellor, tanto para a familia como para o alumnado co problema de ansiedade.
1. Insistir en que teñen que ir ao instituto.
A mellor terapia da fobia escolar é ir diariamente á escola. Os temores supéranse enfrontándoos canto antes. A asistencia diaria á escola fará que case todos os síntomas físicos do/o neno/a melloren. Os síntomas volveranse menos intensos e presentaranse con menor frecuencia e, co tempo, este alumnado acabará estando ben no IES. Con todo, ao principio o/a neno/a porá a proba a determinación da familia (nai, pai, avoa, etc.) de envialo/a á escola todos os días. A familia deberá facer que a asistencia á escola sexa unha regra rigorosa, sen excepcións.
2. A familia debe ser particularmente firme as mañás dos días de clase.
Ao principio, as mañás poden ser difíciles. Nunca se lle debe preguntar ao/á neno/a como se sinte porque isto fará que xa se queixe. Se están suficientemente ben para estar a pé e andar dun lado a outro dentro da casa, están suficientemente ben para poder vir ao instituto. Se se queixa de síntomas físicos, pero son os que xa mostrou noutras ocasións, os de sempre, deberá ir a escola inmediatamente e sen discusión. No caso de que a familia non estea segura acerca da saúde do/a neno/a, deben envialo/a a escola de todos os xeitos xa que se os síntomas empeoran despois o centro llo vai comunicar á familia. Aínda que se lle faga un pouco tarde, o/a neno/a debe vir ao IES. Algunhas veces van chorar e berrar, queixándose e negándose absolutamente a ir á escola. Nese caso, despois de falarlle sobre os seus temores, débense levar ao instituto. Un dos pais podería ser mellor que o outro, ou non, en facer cumprir isto ou mesmo, nalgunhas ocasións, un parente pode encargarse do asunto durante uns días.
3. Coller cita para o médico a mesma mañá que quede na casa.
Se tiveran síntomas físicos novos ou parecen estar moi enfermos, é probable que a familia prefira quede en casa. Se teñen dúbidas, probablemente o seu médico pode determinar a causa da enfermidade. Se os síntomas son causados por unha enfermidade, pode iniciarse o tratamento apropiado. Se o síntoma é causado por ansiedade, o/a neno/a deberá voltar á escola inmediatamente.
A dor de garganta, tose moderada, secreción nasal e outros síntomas típicos do resfriado, pero sen febre, fan que poidan ir ao instituto. O alumnado non deben permanecer na casa por "parecer enfermos/as", "ter mal cor" ou "ter cara de estar cansos".
4. Solicitar a asistencia do persoal do instituto.
A familia debe informar ao profesorado ou dirección do instituto que, se os síntomas do/a neno/a aumentan, deixe que se relaxe de 5 a 15 minutos noutro lugar, en lugar de mandalo/a para casa. Se o/a neno/a ten algúns temores especiais, como falar na clase e outros parecidos, o profesorado, en xeral, o terá en conta e fará pequenas concesións especiais.
5. Falar co/a neno/a sobre o seu temor a ir a escola ou instituto.
Nalgún momento, que non sexa unha mañá de escola, falar co/a neno/a sobre os seus problemas, alentalo/a a dicir exactamente o que lle molesta, preguntarlle que é o peor que pensa que podería pasarlle na escola ou no camiño á escola. Se hai unha situación que poida cambiar, dicirlle que farán todo o posible por cambiala. Se lles preocupa que os síntomas poidan empeorar na escola, asegúrenlle que pode relaxarse uns minutos no instituto segundo o vaia a necesitar. Despois de escoitalo/a atentamente, deben dicirlle que entenden os seus sentimentos, pero que segue sendo necesario que asista á escola mentres mellora e que moi pronto non terá problema.
6. Axudar a pasar máis tempo con outros/as nenos/as da súa idade.
Fóra da escola e falando en xeral, os/as nenos/as con fobia escolar teñen tendencia, segundo comentan en moitas casas, a preferir estar coa súa familia, xogar dentro de casa, estar sós/as no seu cuarto, ver moita televisión, etc. Moitos/as non poden pasar unha noite en casa de amistades sen ter sentimentos de nostalxia e, as veces, ansiedade. É moi convinte que fagan deporte (polo xeral, prefiren os deportes que non son de contacto físico) ou algunha actividade extraescolar que lles guste como baile, danza, música e outras.
Espero, coma sempre, que esta nova entrada vos serva de axuda e grazas as familias, pero tamén ao profesorado pola súa preocupación e actuacións nestes, as veces, complexos casos ;-)))
Si eu tivera que poñer en marcha un programa de mediación no meu instituto, aínda que non é que teñamos moitos conflictos, nun primeiro momento e si o Claustro e Consello escolar están de acordo, informaría deste proxecto en todas as aulas do centro. Pediría que se apunte o alumnado voluntario e que se vote nas clases que persoas gozarían da confianza do grupo co obxectivo de seren mediadoras/es. Para esta presentación do proceso de mediación nas aulas non estaría de máis utilizar algún vídeo, unha dramatización ou calquera outro medio audiovisual que sirva de exemplo do que se pretende explicar. Posteriormente reuniría a todo o alumnado seleccionado no paso anterior para ampliarlles polo miudo a información de maneira tal que só as persoas que voluntariamente acepten participar no programa poidan facelo. En terceiro lugar teríamos que decidir un paso moi importante, quen vai coordinar o programa no centro. En todo caso penso eu penso que debe ser sempre unha persoa realmente interesada e motivada polo proceso de mediación. Se é un membro do profesorado axudaría moito que o centro lle asignase unhas horas de dedicación semanais para tarefas de coordinación e organización de actividades. En cuarto lugar organizaría unha sesión introductoria para todo o claustro, incluso con algúns dos materiais e protocolos que imos a utilizar xa que é moi importante que todo o profesorado teña unha idea clara do enfoque e as técnicas que se utilizan xa que isto prevén de medos e prexuízos, sempre pasa o mesmo, causados polo descoñecemento. Tamén utilizaría co claustro un vídeo sobre unha sesión de mediación. En quinto lugar, xa entrando de cheo en materia, plantexaría unha formación intensiva para as persoas interesadas, tanto profesorado coma alumnado, en horario a convir polas/os participantes e responsables da formación. Unha vez terminada a formación é necesario dar a coñecer ao resto da comunidade escolar que é a mediación e como vai funcionar o servizo de mediación do IES Salvaterra de Miño. Por iso, faría que a última actividade da formación sexa a elaboración dun folleto ou díptico para explicar que é realmente a mediación ás persoas do centro que non participaron na formación e, por suposto, as familias do alumnado.
É convinte que toda a comunidade teña unha información clara e precisa de que é a mediación. Por iso vos sinalo a continuación as características fundamentais:
1. A mediación é un proceso de comunicación en liberdade ante unha terceira persoa, que realiza o papel de mediador ou mediadora, e que garantirá que as partes se comuniquen desde o respecto e busquen as solucións aos seus conflitos.
2. As persoas que desempeñan o papel de mediación non son as que dan as solucións; só axudan para que as busquen as partes en conflicto.
3. A mediación non pode imporse, acúdese a ela voluntariamente e todo o que ocorra durante o proceso de mediación e o que alí se diga é confidencial.
4.- Non todos os conflitos son mediables: non pode mediarse nun conflito se unha das partes está a sufrir violencia por parte da outra. Estes conflitos requiren outras intervencións. Caso de que un conflito desta índole chegase ao servizo de mediación do IES este debe derivalo aos órganos competentes do centro (xefatura de estudos, dirección, comisión de convivencia…)
5.- Á mediación pode acudir o alumnado, o profesorado, o persoal non docente e as familias do alumnado, é dicir toda a comunidade educativa.
6.- É convinte que este programa de mediación quede recollido, por exemplo, no plan de convivencia do centro.


O post de hoxe ten que ver, baixo o meu modesto punto de vista, coa volta á esencia da educación. Profesorado que comprende, que escoita, que acompaña, con sentido do humor, que educa para ser persoa... Deste xeito teremos alumnado feliz, con confianza, que entra con tantas gañas na escola como sae dela, con AUTOESTIMA alta. Ter alumnado emocionalmente competente é vital para que poidan desenvolver a súa vida en sociedade.
Acaso serve de algo que todo o noso alumnado teña ordenadores ou tabletas, pizarras electrónicas ou libros dixitalizados (igual de malos e o mesmo negocio que os de papel) si odian vir ao instituto, non confían no profesorado, pensan que non serven para nada ou non son felices?
Fágovos un pequeno resumo de algúns rasgos típicos do noso alumnado con baixa autostima. Espero que vos serva de algo aínda que non haxa dúas persoas iguais.
- Teñen dificultades para comunicarse, para dicir o que lles está a pasar.
- Tendencia a estar sos aínda que se planifiquen actividades de grupo agradables.
- Dificultades para facer amigos/as, a pesar da importancia que para elas/es ten a amistade. Facilmente perden os poucos que teñen porque non saben reforzar as relacións.
- Soen culpar aos demais de que as relacións non funcionen.
- Parece que non queren colaborar en nada, dando a sensación de alumnado preguiceiro, cando na realidade esa situación prodúcelles moita ansiedade.
- Poden mostrarse "apegadizos", dando sensación de buscar unha relación, pero cando se intenta esta, calan e amósanse incómodas/os e inhibidas/os.
- Normalmente evitan as actividades extraescolares nas que teñen que relacionarse con outros.
- Sentiranse tanto máis incómodas/os en actividades de grupo canto máis aumente o número de membros.
- Non sempre son tímidos e introvertidos, poden amosarse agresivos e esixentes.
- A posibilidade de prestar atención é moi excasa, pois adícanse a pensar nos demais e neles mesmos e fantasean sobre posibles relacións.
- Poden substituír a mala relación coas persoas con animais domésticos, xoguetes ou calquera cousa que non lles proteste no trato, chegando incluso a relacións obsesivas que lles axudan a manter os niveis de ansiedade e seguridade nuns límites aceptables.
- Son incapaces de escoitar aos outros e entender os seus puntos de vista.
- Son pouco conscientes dos intereses e necesidades dos demais.
- Falan negativamente da familia, da súa clase ou do seu equipo.
- Rara vez, ou nunca, ofrécense para axudar aos outros. Non lles caen ben aos compañeiros.
- Resúltanlles incómodos ao profesorado e, nembargantes, intentan captar a súa atención continuamente.
- Queren ser sempre o centro de atención dos demais.
- Teñen dificultades para expresar as súas ideas e sentimentos de maneira directa, así como para pedir o que necesitan.
Potenciar as emocións positivas é cuestión de práctica e pódese aprender.
Programa TTI: Presentación do Método de Estudo
SESIÓN 3. A lectura-Subliñado-Esquemas
Páx.: (7-13)
Programa TTI: "Ap. a Estudar 3"
SESIÓN 3. A Memoria
Páx.: (8-14)
Programa TTI: "Ap. a Estudar 2"
SESIÓN 3. Practicamos Esquemas
Páx.: (9-12)
Programa TTI: "Ap. a Estudar 1"
SESIÓN 3. A lectura e Ideas principais
Páx.: (9-12)

Intelixencia Emocional e Creatividade
Temos que re-descubrir nas nosas escolas algo tan importante a nivel adaptativo que fixo que, filoxeneticamente falando, os humáns ocupemos o lugar que ocupamos. A intelixencia emocional que é, dun xeito moi resumido, a capacidade para sentir, entender, controlar e modificar os estados anímicos propios e alleos. Por sorte, a intelixencia emocional é unha habilidade, non un rasgo de personalidade e, por tanto, se pode aprender e ensinar. A outra dimensión que nos diferencia do resto dos animais, moi ligada a anterior e que temos que traballar moi ben é a creatividade. O alumnado creativo vai poñer en marcha habilidades coma son a arte de facer preguntas diverxentes, a ampliación dos límites ordinarios das cousas o cal implica tolerancia, o cambio de perspectiva que vai supor, sen dúbida, empatía a posibilidade de facer asociacións extraordinarias con flexibilidade ou a posibilidade de imaxinar consecuencias ao que facemos na clase. E aínda que intuitivamente moito profesorado pense o contrario, eu considero que a creatividade aflora moito mellor con certas normas xa que é unha metodoloxía de traballo que vai implicar disciplina e organización. O alumnado sen ningunha norma non ten fácil ser creativo, é disperso e vaille fallar a capacidade de concretar e, por contra, as persoas creativas sempre van ter un método e uns obxectivos máis ou menos claros e definidos.
Vos preguntaredes como podemos usar a intelixencia emocional e a creatividade para que o noso alumnado aprenda mellor. O que os psicólogos chamamos a dimensión afectiva da aprendizaxe, isto é, a boa disposición do alumnado e sobre todo a súa motivación dependen, coma sempre, da médula espiñal da aprendizaxe que é, de novo, a metodoloxía utilizada. Temos que proporcionarlles confianza en que poden facelo e non pensen no fracaso. Deben sentir a curiosidade coma esa sensación positiva ao descubrir cousas novas, facer as cousas con intencionalidade e sentíndose competentes e todo isto con autocontrol, sendo quen de dominar as súas accións en relación coa idade e cos demáis, comprendendo e tendo a sensación de ser comprendidos tamén polos outros. Temos que traballar co alumnado, por último, a capacidade de comunicación e cooperación, isto é, que teñan desexo e capacidade para intercambiar ideas, sentimentos ou conceptos cunha sensación de confianza, equilibrando as propias necesidades coas dos demais nas actividades grupais. Sí, a comunicación xoga un papel fundamental nas aprendizaxes, educar é transmitir coñecementos pero de persoa a persoa, de mente a mente, e nese cerebro se producen operacións intelectuais pero sobre todo movementos emocionais e afectivos que axudan o perxudican a adquisición de novas aprendizaxes. Os máis expertos especialistas de todo o mundo coinciden nisto: as aprendizaxes vanse dar na dimensión intelectual pero tamén nunha emocional e afectiva. A nosa actitude e metodoloxía coma docentes ao ensinar coñecementos ou ao manexar a disciplina van influir, para ben ou para mal, na aprendizaxe do noso alumnado. Imos conseguir que o noso alumnado sexa quen de ver un charco coma unha oportunidade e non coma un obstáculo difícil de pasar, típico nas persoas adultas.
"Tropezou cunha pedra,
desas que teñen nome,
apelidos e, por suposto,
grande corazón"
Innovando con intelixencia emocional
Retomando o meu post de final do curso pasado, insístovos que dende o meu punto de vista o ensino non necesita pequenas innovacións ou reformas, necesita un cambio radikal (con k). Non chega con pensar que innovamos por utilizar tecnoloxías como as tabletas e outros dispositivos nas nosas clases, non! O colectivo docente e a escola, en xeral, necesitamos facer verdadeiras innovacións, sí, pero metodolóxicas. Pode que nunha escola do século XXI (que funciona, iso sí, con métodos do XIX) ao facer calquera innovación educativa teñamos que utilizar as tecnoloxías nas nosas prácticas docentes co obxectivo de melloralas pero, realmente, a finalidade non é utilizar tecnoloxía (tabletas ou ordenadores) na clase, senón cambiar os nosos métodos de ensino para optimizar as aprendizaxes do alumnado. As distintas tecnoloxías utilizadas nunca deben ser o fin en sí mesmas e si un medio para acadar melloras metodolóxicas que ofrezan resultados óptimos acordes con estas melloras. A sociedade avanza tan a presa que temos que repensar o noso rol de docentes, por exemplo coma creadores de contidos. Canto tempo perdemos navegando pola rede buscando material que podemos elaborar facilmente? Teremos que utilizar aprendizaxes activas basadas en retos, xa que nin siquera podemos imaxinar os diferentes traballos que desenvoltará o noso alumnado porque aínda nin existen! En definitiva, temos que ir repensando como debemos traballar na escola re-avaliando o actual modelo tradicional con libro de texto e, como non, os exames. Eu penso que utilizar tecnoloxía portable é do mellor xa que é moi doado ter ferramentas de supervisión das tarefas integradas nos dispositivos (nos interesa saber tamén o que fan nas casas) coa finalidade última de que o alumnado cré contido e non sexa un mero consumidor do mesmo. As Flipped Classroom funcionan moi ben e a ludificación ou gamificación do ensino ten infinidade de actividades para calquera obxectivo, tarefa, momento e lugar de aprendizaxe. O modelo BYOD (bring your own device) ten moitas posibilidades aínda que penso que a homoxeneidade de dispositivos facilita a nosa tarefa docente. Nada de todo o dito servirá sen traballar con intelixencia emocional nas nosas clases. Como vai ser posible aprender algo (con o sen tecnoloxía) senón somos quen de xestionar as nosas emocións nin coñecer as dos demáis? Por sorte, a empatía, a asertividade ou a resiliencia son emocións e, por tanto, habilidades que poden traballarse e aprenderse, tamén coa tecnoloxía. Remato coincidindo co grande Alvin Toffler decindo que o futuro vai ser para o alumnado que desenvolva habilidades de pensamento crítico. Como docentes o noso reto non é tanto o que ensinamos senón coma o imos facer. Trátase de ensinar ao noso alumnado a tomar decisións xa que isto mellorará a sua autoestima e, por tanto, a súa intelixencia emocional e non tanto tentar que acumulen definións ou listas de conceptos que terán que refrendar en exames ou reválidas. Xa non aprendemos como antes!!