Titoría 2º ESO
Progr. Resolución de Conflictos de Convivencia
SESIÓN 6. "Meterse con los demás 2"
Páx.: (15-19)
Progr. Resolución de Conflictos de Convivencia
SESIÓN 6. "Meterse con los demás 2"
Páx.: (15-19)
Programa TTI: "Ap. a Estudar 1"
SESIÓN 6. A memoria
Páx.: (20-24)
Comezo este post coa famosa frase africana “para educar a un neno fai falla a tribu enteira”. Educar a fillos ou alumnado non é doado e un dos primeiros pasos é conseguir que obedezan, algo que parece ser un dos grandes desafíos do ensino de hoxe. Parece que á rapazada de hoxe gústalle retar bastante ao profesorado e as familias, que non saben ben como actuar e que normas facer cumprir ou como castigar. E o alumnado vai tratar de facer o que quere, o que lles apetece aínda que isto non deba nin vaia poder ser así na escola. Vexamos como exemplo, unha mala conducta como a de Román de “cuspir a outro compañeiro na clase” xurde do pensamento “ninguén me fai caso no instituto” que lle produce unha emoción de medo a non seren atendido por ninguén, probablemente coma na súa casa. Pero xurde a “lóxica” resposta da/o profe, unha bronca diante do resto que, sin querer, fai que a conducta inapropiada se reforce xa que Román é atendido e vai ser o centro de atención durante un chisco. Román, este tipo de alumnado en xeral, aprende que para obter atención ten que molestar na clase e crea o seu patrón conductual: penso que ninguén me presta atención na vida, molesto nas clases e consigo atención do profe e dos compañeiros. Esta conducta quedará etiquetada como eficaz e adaptativa xa que reduce a emoción principal do seu medo a pasar desapercibido. Temos que lograr que o noso alumnado teña criterio para actuar e ser alguén sen que isto signifique portarse mal e non obedecer ao profesorado e familias. O noso obxectivo non é que obedezan por imposición da autoridade senón por seren quen de crear o seu propio patrón de conductas apropiado a cada ocasión e, por sorte, isto pódese aprender tamén no instituto. No exemplo que acabamos de ver, Román non sabe comportarse doutro xeito para lograr que lle fagan caso e vai ser tarefa nosa ofrecerlle outras alternativas de actuación que non coñece e reforzar aqueles comportamentos axeitados. Non vale actuar por imposición do medo ao castigo coma un dictador, teremos que ter poucas normas e certas alternativas e ensinarlles o que está ben e o que non, con disciplina positiva e que saiban sempre o que esperamos deles. Manter a calma e nunca berrar, xa sei que non é doado, porque a perda da paciencia trae moita máis tensión e temos que educar co noso exemplo xa que alumnado e fillos aprenden máis do que ven que do que lles decimos que fagan. Funciona moi ben falar de consecuencias e non de castigos xa que as primeiras implican comprender o que resulta das súas accións e que sexan responsables delas. Esas poucas normas das que falo deberan ser sempre cumpridas (consistentes), con pequenas excepcións que deberemos explicar, e deben ter lóxica e coherencia. Non esperemos que cumpran reglas que non comprenden ben, que están fóra de lugar ou elas/es pensan que así é. Como noutros moitos posts remato sinalándovos o importante que é escoitar as emocións (tamén de outras/os compañeiros) e as necesidades do alumnado. Reforzar o que fagan ben con felicitacións, agarimos e notas positivas e nunca criticar as persoas e sí as conductas que fagan mal explicándolles tranquilamente porque non están ben. Todos cometemos erros e aprendemos deles, incluso máis que dos acertos, e ser imperfecto pero non sentirse mal por selo ten tamén o seu valor.
Sei que hai persoas (traballadoras
) do Claustro que están a formarse no tema da convivencia e, máis en concreto, en mediación. Eu, na liña de expertos no tema, penso na mediación como unha estratexia de resolución pacífica, na que se ofreza ao alumnado en conflicto sentarse xunto cun mediador a falar dos seus problemas e intentar chegar a un acordo dun xeito positivo e colaborativo. Isto redunda, como vos achego nesta presentación, en grandes beneficios para toda a comunidade educativa ao ser algo voluntario e moi facilitador de habilidades sociais e ambientes positivos. Deixade, si queredes, os vosos comentarios e espero que vos sirva de algo.


A pasada semana unha alumna, das maiores do centro, comentábame que lle gustaría dar un cambio radikal á súa vida. Gustosamente abandoaría todo e comezaría de novo, dicíame ela, facendo “borrón e conta nova” en calquera outro sitio. Deume a entender que o seu desexo é convertirse nunha nova persoa e xa van sendo moitos os que ultimamamente pensan así. Facendo, coma sempre, de mal psicólogo, expliqueille que cando cremos que os problemas nos afogan pensamos en fuxir lonxe e cambiar todo o que nos rodea radicalmente. Imaxinamos o maravillosa que sería a nosa vida noutro sitio e con canto gusto borraríamos, dun plumazo, todo o noso pasado e este presente que nos está a amolar tanto. Temos claro, neste momentos de ansiedade, que este cambio vai ser a solución definitiva á manchea de problemas que cremos ter e convertirase na panacea aos mesmos. Pero, sempre toca poñer algún pero, na maioría dos casos, este cambio radical non só non é necesario senón que pode ser moi contraproducente. Cando pensamos que estamos cheos de problemas e somos tan pesimistas parece que na nosa vida nada funciona ben e así o sentimos emocional e fisicamente. Con algo de obxectividade, e certa axuda, nos decataríamos que claro que hai algunhas cousas que debemos mellorar ou cambiar pero existen moitas máis que van bastante ben e que nos poden servir de base para rectificar aquelas que non marchan como esperamos. Ningún cambio radical permite fuxir dunha mesma, comenteille eu. Podes cambiar de instituto, de parella, de país pero senón cambias en ti mesma aqueles aspectos persoais, eses que te fan fuxir, estes reproduciranse alí onde decidas escapar. Sería coma cambiar o escenario cando é o músico o que non sabe tocar a partitura, apuntei eu. Pregunteille a miña alumna si non lle daba moito medo ese cambio tan radical. Respondeume que moitísmo. Claro, porque este tipo de cambios de vida non son nada sinxelos e hai que facer grandes sacrificios e asumir moitos riscos cunha grande bagaxe persoal. As persoas concentrámonos nos resultados esperados, ao final do camiño, e nos imaxinamos tranquilas e satisfeitas pero non valoramos todo o que pode pasar no transcurso dese camiño, facilmente cheo de obstáculos e máis difíciles de superar. Existen maneiras máis seguras, dende un punto de vista psicolóxico-emocional de afrontar os nosos problemas. Na maioría das ocasións, os cambios radicais non nos van levar aos paraísos perfectos imaxinados nos momentos de incertidume ou estrés. Ollo porque como xa dixen, eses novos institutos, as novas parellas ou os novos países vannos expoñer, case sempre, a máis medos e dificultades das que agora temos. O cambio radical non significa mellorar e moitas veces ese esforzo persoal e as perdas que conleva superan, con moito, os paraisos imaxinados. Non estou a decir que un cambio radical non sexa posible e, nalgunhas ocasións, necesario... pero, cando unha persoa está deshidratada darlle grandes cantidades de auga empeora a súa situación médica.

Vía @tw_tamara

ONE MOMENT MEDITACIÓN
Sabes o meun nome
mais non a miña historia
Tes escoitado o que din que teño feito
mais non polo que teño pasado
Sabes onde estou
pero non de onde eu veño
Vesme rindo
mais non sabes o que teño sufrido
Deixa de xulgarme!
Programa TTI: "Ap. a Estudar 1"
SESIÓN 5. Os Resumos
Páx.: (18-19)
Progr. Resolución de Conflictos de Convivencia
SESIÓN 5. "Meterse con los demás 1"
Páx.: (8-14)
Novo. Programa Intelix. Emocional para a convivencia escolar
SESIÓN 5. HH para afrontar a agresividade 1
Páx.: (9-13)
SESIÓN 5. Paso 1 " Autocoñecemento"
Páx.: (7-15)
Teñen que ver os aspectos neurolóxicos, fisiolóxicos e químicos do cerebro coa aprendizaxe do noso alumnado? A resposta parece clara para os científicos, a neurociencia determina as aprendizaxes das persoas. Non é tan evidente, a xulgar polos nosos métodos de ensino, nas escolas e institutos. Fagamos caso á neuroeducación que, bebendo da mediciña e a psicoloxía, mellora os procesos de aprendizaxe do alumnado e tamén do profesorado. Xa decía un descoñecido como Platón que a disposición emocional do alumnado determina a súa habilidade para aprender. Por suposto, os mecanismos neuronais das emocións póñense en marcha, inconscientemente, moito antes que os cognitivos. Emocións, sentimentos e aprendizaxe sempre tan relacionados. Calquera experiencia de aprendizaxe pode ir vinculada a pracer ou dor. No primeiro caso o alumnado quererá repetir a experiencia pracentera e outras similares pero no segundo fuxirá e non atenderá a aquelas experiencias emocionais de clase tan desagradables. Aprender conleva cambios físicos relacionados coas sinapsis neuronáis. Si na nosa clase somos quen de prender o interruptor da curiosidade, o noso alumnado focalizará a súa atención e comezará o proceso de aprender. Cando este interruptor das emocións se apaga aprender é moi difícil. Son emocións que axudan a aprender a curiosidade, a motivación, o entusiasmo, a autoconfianza ou a confianza nas outras persoas, sobre todo no profesor da materia. Si, como afirman os neurocientíficos, as células dos nosos cerebros só aprenden cando fan algo ben e non cando metemos a pata e isto é adaptativo… irremediablemente teremos que proporcionar nas clases ao alumnado experiencias de éxito xa que, si sempre erran ou non saben, a ruta de aprendizaxe vaise romper, algunhas veces para sempre. Os exames sorpresa non parecen ir moi ben ;-) E sí, compañeiros, como moitos intuíamos, a ciencia dinos que a motivación ven sendo o motor de arranque da aprendizaxe, o impulso e a razón pola que o alumnado vai prestra atención e centrar a súa memoria. Non van aprender nada a non ser que lles motive, lles diga algo ou lles teña algún significado que os “encenda” emocionalmente. Neuroloxicamente falando, a motivación, o desafío motivador, segrega dopamina pensando xa no premio, no proceso para resolver o problema vaise segregar adrenalina e na resolución serotonina. Non hai drogas ilegais tan potentes!! Iso sí, entre 12 e 18 anos, por exemplo, os tempos de máxima atención oscilan entre 12 e 15 minutos así que non hai alumnado que poida estar moi concentrado na mesma tarefa de aprendizaxe 50 minutos. Penso, por último, que todo o persoal docente debe coñecer e comprender un chisco como aprende o cerebro, como procesa a información, a súa fraxilidade fronte a determinados estímulos negativos ou cales son as emocións si é que queremos que o noso alumnado chegue a clase tan contento como sae dela. 

Todos seremos enfermos mentais nuns poucos anos? En Estados Unidos xa son case sete millóns de nenos medicados para Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade (TDAH) e calcúlase que 15.000 deses nenos teñen menos de 3 anos. En Holanda, un importante estudo, xa no ano 2009, atopou que un 34% do alumnado entre cinco e quince anos eran tratados do mesmo trastorno. Pode ser creible que un de cada tres rapaces sexa hiperactivo? Calquera profesional serio sabe que a incidencia está en torno a 2-3% da poboación infantil. Todo o profesorado é coñocedor que nos centros de ensino, cada curso que pasa, hai máis alumnado medicado. O noso non é unha excepción, máis ben ao contrario. Que está a pasar? O norteamericano Allen Frances que dirixiu durante anos o DSM, considerado a biblia de psiquiatras e psicólogos opina, como algús profesionais non paramos de repetir fai 10 anos, que estamos a convertir problemas cotidianos en trastornos mentais. Onte estiven estudando o DSM-5 e, alongouse tanto a listaxe de patoloxía, que vos podo asegurar que eu mesmo me recoñezo en algúns trastornos. Hoxe esquecinme de facer unha chamada, pode que teña unha predemencia; tampouco durmín ben, insomnio postdormicial; as veces como coma un león, seguro que son un comedor compulsivo; cambio de estado de ánimo, son bipolar. En fin vou ir comprando un pastilleiro dos máis grandes. O propio Frances recoñece que infravolaron o poder das farmaceuticas para facer crer a profesionais da mediciña, familias e pacientes que o trastorno psiquiatrico e psicolóxico é algo do máis común e tomar varias “pastis” diarias tamén. Os fármacos son necesarios nos problemas mentais graves e severos pero o seu consumo para problemas cotidianos pode ter máis dano que beneficio. Cando no DSM-IV se incluiu o asperger e os outros trastornos do desenvolvemento, o diagnóstico de autismo se triplicou. O mesmo, pero ao bruto, pasou coa hiperactividade pero o seu dianóstico multiplicouse por 40 (sí, sí, 40), por suposto coincidindo co lanzamento ao mercado no ano 1998 desas novas “pastis” de última xeración, que non quero citar, tan caras e coñecidas por tantas familias e que odian tantos rapaciños. Por suposto, a elevada angustia da familia, por exemplo ao escoitar ao profesorado que o seu fillo non progresa como o resto, fai que os profesionais de saúde mental accedan con prontitude a prescribir a medicación. Non hai evidencia científica de que a longo prazo a medicación faga mellorar os resultados escolares, aínda que a curto prazo calme ao alumnado e faga que se centre un pouco. Non estaremos facendo un experimento a grande escala con estes nenos sen saber os efectos adversos que esta medicación pode ter co tempo? Penso, para finalizar, que moito ten que ver nisto a nosa actual cultura hedonista da vida, que busca o benestar a calquera prezo, inmediatamente e, se pode ser, co menor esforzo posible. Non é moi difícil dar unha “pasti” co almorzo ou castigalos sen actividades extraescolares pero non parece tan doado supervisar e axudar cada tarde cos estudos e as tarefas escolares. Estou canso deste post, vou tomar un ibuprofeno!