Blogia
MZUNGU

ABP

A Aprendizaxe Baseada en Proxectos (ABP) non é algo novo como moita xente poida pensar. Sempre existiron/existen temas que enganchan ao alumnado en torno a eles, que o motivan e que satisfacen a súa curiosidade e os seus intereses mediante a exploración e profundización neles.O mellor vai ser sempre que o tema a traballar sexa escollido polo propio alumnado, aínda que o profesorado pode e debe guiar esta escolla. O punto forte é que o alumnado o atope divertido, motivante e o vexa coma un reto xa que eles teñen realemnte un papel activo na elección do proxecto e na súa planificación, execución e avaliación. Algúns eixos básicos desta metodoloxía de traballo son que estea centrado e dirixido polo alumnado, sempre coa guía do profesorado, e que aprendan facendo. O proxecto escollido terá unha fase inicial de motivación cara o traballo, o desenvolvemento propiamente dito do mesmo coas distintas actividades e unha fase final coa exposición do trabllo e a súa avaliación. O tema escollido vai ser significativo para o alumnado e moi vinculado coa súa vida o que fará que se “enganchen” pola súa cercanía e cotidianidade (o contrario do que pasa cos libros de texto alonxados da realidade). Este traballo por proxectos inclúe en sí mesmo un proceso de investigación con profundización no contido e vai ser determinante a filtraxe de información coa axuda do profesorado ata que o alumnado aprenda pouco a pouco a facelo por sí mesmo. No ABP o desenvolvemento de competencias é máis importante que a memorización de contidos e aprendemos facendo aínda que o profesorado teña o reto de relacionar o proxecto no que estamos a traballar co currículo do curso en cuestión por mor da lexislación vixente{#emotions_dlg.laughing}. Sempre o traballo en grupo colaborativo é determinante e aproveita os puntos fortes de cada persoa concluíndo nun producto final tanxible e determinado no que interveñen os distintos tipos de intelixencia utilizados nos poemas, ensaios, esculturas, experimentos, presentación ou o que sexa que será amosado e presentado fronte a unha audiencia que vai avaliar este traballo desenvolvido. Compartir o proxecto cos demais permite amosar o que temos aprendido e obter un feedback inmediato. A execución diante da xente vai ser un elemento moi motivador no que tamén aprendemos moitas estratexias sexa isto nunha exposición nos corredores do centro, nunha presentación oral ou na realización dun video. Vai permitir ao alumnado avaliarse a sí mesmos e reflexionar sobre a súa aprendizaxe coa utilización de rúbricas, en moitos casos deseñadas polo propio grupo de traballo coa axuda do profesorado. Este proceso de autoavaliación vai ser determinante no desenvolvemento dun pensamento crítico e reflexivo sobre as aprendizaxes conseguidas que, a xulgar pola reiteración coa que é comentado a cotío nos centros de ensino, parece ser un obxectivo chave a conseguir na educación do século XXI. 

0 comentarios