Blogia
MZUNGU

Exercicio físico e benestar psicolóxico

Fai moitos anos que lle pregunto ao meu alumnado, tamén as súas familias, si é que fan actividade física con continuidade. Sempre o considerei determinante, xunto coa nutrición e o descanso, para o desenvolvemento físico e psicolóxico e parece que a día de hoxe non quedan moitas dúbidas da relación estreita e beneficiosa entre exercicio regular e a mellora física xeral. Pero indo máis aló, nos últimos tempos, os datos de diversos traballos de investigación moi serios permiten concluir que o noso benestar psicolóxico, a nosa saúde mental, está claramente asociada tamén a actividade fisica feita con continuidade. As persoas que fan exercicio físico regularmente se perciben e son percibidas coma máis saudables, con menor estrés e teñen un mellor estado de ánimo, en xeral, que aquelas persoas que non fan actividade ningunha. Estudos feitos en España e Portugal pola Universidade de Granada, por exemplo, determinaron que a xente que fai exercicio físico ten niveis máis baixos de tristura, ansiedade ou fatiga mental. Isto ven confirmar que a actividade física, feita sempre con asiduidade, regula positivamente os “niveis” de ansiedade e depresión e incide moi beneficiosamente sobre as emocións, en xeral, contribuindo ao benestar psicolóxico das persoas. Tamén outra serie de estudos nas últimas datas, suxiren especificamente a relación causal entre actividade física e reducción da sintomatoloxía depresiva (Lawlor e Hopker 2001) e parece ser que na mesma liña acontece coa reducción da ansiedade. E non hai moitas excusas, xa que máis que o tipo de actividade física, o relevante realmente parece ser é o tempo semanal adicado a facer exercicio físico. Non importa si unha persoa traballa no campo, xoga ao fútbol ou vai nadar, o importante é que fagamos exercicio regularmente! Hoxe xa falamos tamén, alomenos os profesionais da saúde mental, da actividade física cunha clara finalidade terapéutica no control dalgúns trastornos psicolóxicos (xa citamos os casos da ansiedade ou a depresión) e tamén que é un elemento fundamental na promoción das emocións positivas. A actividade física é fundamental así na educación emocional do noso alumnado e das persoas, en xeral. Por suposto, ninguén dubida tampouco da grande axuda que supón este exercicio físico no tratamento de distintas condicións médicas coma os problemas cardiovasculares, colesterol ou diabetes. Mutrie e Faulkner xa no ano 2004 falaban tamén dos beneficios da actividade física dende un punto de vista comunitario ou social, ademais do individual, xa que un pobo ou comunidade nos que a actividade física sexa vista coma unha norma social pode ser moito máis san e ter unha mellor calidade e máis esperanza de vida. Neste sentido quero apuntar tamén, para finalizar, a repercusión tan positiva do exercicio físico regular en indicadores de saúde xeral como son o optimismo, a autoestima, o axuste interpersoal, o funcionamento laboral e a capacidade, en xeral, de disfrutar da vida vivindo en armonía co noso medio ambiente.

0 comentarios