PRAZOS
É unha das principais novidades. Ata este ano a admisión comezaba a mediados de xuño. Neste curso establécense dous prazos máis amplos, tanto para o réxime ordinario como para o réxime de adultos (excepto nos ciclos de FP Dual que teñen prazos específicos).
- PERÍODO ORDINARIO: Do 25 de xuño ao 31 de xullo
- PERÍODO EXTRAORDINARIO: Do 1 de setembro ata un mes despois de iniciadas as clases en ciclos de FP segundo o calendario da publicado pola Consellería.
PROCEDEMENTO PARA A SOLICITUDE
Neste curso a solicitude vía web é obrigatoria. A solicitude vía web poderase realizar para todos os réximes e graos, agás para o segundo curso do réxime ordinario.
Logo de realizada a solicitude web, a aplicación informática xera un impreso con instrucións individualizadas para cada solicitante. O impreso xerado pola aplicación informática indica a documentación que cómpre achegar. Esta documentación cos impresos xerados deberá ser debídamente entregada e en prazo, en calquera centro público de Galiza con oferta de ciclos formativos de formación profesional. Xa non é necesario entregar a solicitude no centro escollido en primeiro lugar.
REQUISITOS DE ACCESO
Coa aplicación da LOMCE pódese acceder á FP con novos requisitos académicos (resumo da Orde de admisión):
DISTRIBUCIÓN DAS PRAZAS POR COTAS E GRUPOS
As prazas ofrecidas para cada centro e ciclo distribúense en tres cotas: cota xeral, cota para persoas con discapacidade legalmente recoñecida (10%) e cota para deportistas de alto nivel ou de alto rendemento (5%).
CICLOS MEDIOS RÉXIME ORDINARIO
Para cada cota haberá tres grupos segundo o tipo de requisitos de acceso:
- Grupo A, persoas que posúen título da ESO ou titulacións equivalentes para efectos de acceso a ciclos.
- Grupo B, persoas que teñen título profesional básico ou os módulos obrigatorios dos PCPI do curso 2011-2012 ou seguintes.
- Grupo C, persoas que teñen certificación de superación das probas de acceso a ciclos ou outras vías de acceso a ciclos de grao medio.
A distribución, ao comezo do proceso de admisión, das prazas dispoñibles para cada ciclo e para cada centro é:
GRUPO A ESO ou equivalentes | GRUPO B FPB e PCPI | GRUPO C Probas de accceso e outros |
Ata o 70% | Ata o 20% | Ata o 10%
|
PRIORIDADES NA ADMISIÓN EN CADA GRUPO (CICLOS MEDIOS)
Grupo A.
1º. Alumnado con título de graduado en educación secundaria obrigatoria con superación da avaliación final de educación secundaria obrigatoria pola opción de ensinanzas aplicadas.
2º. Alumnado con título de graduado en educación secundaria obrigatoria obtido con anterioridade á implantación da avaliación final da educación secundaria obrigatoria.
3º. Outras titulacións equivalentes para os efectos de acceso neste grupo:
- Alumnado con título de técnico auxiliar.
- Alumnado cun máximo de dúas materias pendentes no conxunto dos dous primeiros cursos de BUP.
- Alumnado con título de bacharelato superior.
- Alumnado que superou, das ensinanzas de artes aplicadas e oficios artísticos, o terceiro curso do plan de 1963 ou o segundo de comúns experimental.
Grupo B
1º. Alumnado con título de formación profesional básica que recolla no seu currículo ter preferencia na admisión ao ciclo formativo de grao medio que se solicita.
2º. Alumnado con título de formación profesional básica que non recolla no seu currículo ter preferencia na admisión ao ciclo formativo de grao medio que se solicita.
3º. Alumnado que superara os módulos obrigatorios dun programa de cualificación profesional inicial.
Grupo C
1º. Alumnado con proba de acceso a ciclos formativos de grao medio de formación profesional ou con curso de formación específico para o acceso a ciclos formativos de grao medio.
2º. Alumnado con proba de acceso a ciclos formativos de grao superior de formación profesional.
3º. Alumnado con proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos. Proba de acceso a ciclos formativos de grao medio ou de grao superior de ensinanzas deportivas ou de artes plásticas e deseño
4º. Alumnado con título de técnico.
5º. Alumnado con certificado acreditativo de ter superadas todas as materias do bacharelato regulado na Lei orgánica 8/2013, de 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa.
6º. Alumnado con título de bacharelato.
7º. Alumnado con título de técnico superior ou de técnico especialista.
8º. Alumnado con título universitario.
En caso de empate seleccionarase en virtude do sexo menos representado na área profesional en que se demande a praza. De persistir o empate, resolverase por sorteo público.
CICLOS SUPERIORES RÉXIME ORDINARIO:
Para cada cota haberá tres grupos segundo o tipo de requisitos de acceso:
- Grupo A, persoas que posúen título de bacharelato ou equivalente para efectos de acceso a ciclos.
- Grupo B, persoas que teñen un título de técnico LOE ou LOXSE.
- Grupo C, persoas que teñen certificación de superación das probas de acceso a ciclos superiores ou outras vías de acceso a ciclos de grao superior.
A distribución, ao comezo do proceso de admisión, das prazas dispoñibles para cada ciclo e para cada centro é:
GRUPO A Bacharelato ou equivalentes | GRUPO B Título de técnico | GRUPO C Probas de acceso e outros |
Ata o 70% | Ata o 20% | Ata o 10% |
PRIORIDADES NA ADMISIÓN EN CADA UN DOS GRUPOS (CICLOS SUPERIORES)
Grupo A.
1º. Alumnado con título de bacharelato da modalidade preferente, e coas materias vinculadas, que se determina no currículo do ciclo. A nota media, de maior a menor, das materias vinculadas empregarase nos casos de empate da nota media do bacharelato.
2º. Alumnado con título de bacharelato da modalidade preferente, pero sen algunha das materias vinculadas, que se determina no currículo do ciclo.
3º. Alumnado con título de bacharelato sen modalidade preferente das determinadas no currículo do ciclo. Alumnado que superara COU ou PREU.
4º. Alumnado con certificado acreditativo de ter superado todas as materias do bacharelato LOMCE da modalidade preferente que se determina no currículo do ciclo.
5º. Alumnado con certificado acreditativo de ter superado todas as materias do bacharelato sen a modalidade preferente que se determina no currículo do ciclo.
6º. Alumnado con título de bacharelato unificado e polivalente (BUP).
Grupo B
1º. Alumnado con título de técnico de formación profesional da mesma familia profesional que o ciclo formativo de grao superior que se solicita.
2º. Alumnado con título de técnico de formación profesional de diferente familia profesional que o ciclo formativo de grao superior que se solicita.
Grupo C
1º. Alumnado con proba de acceso a ciclos formativos de grao superior de formación profesional.
2º. Alumnado con proba de acceso a universidade para maiores de 25 anos.
3º. Alumnado con título de técnico superior ou de técnico especialista.
4º. Alumnado con título universitario.
En caso de empate entre varias persoas solicitantes, seleccionarase en virtude do sexo menos representado na área profesional en que se demande a praza. De persistir o empate, resolverase por sorteo público.
RÉXIME DE PERSOAS ADULTAS:
Cando a demanda de prazas supere a oferta, hai establecidos uns criterios de selección, para cada unha das cotas. En cada cota de acceso ordénanse as persoas solicitantes atendendo a unha puntuación que ten en conta os requisitos de acceso, a experiencia laboral, os módulos superados no ciclo e as unidades de competencia do ciclo acreditadas. Neste réxime non existen grupos diferenciados dentro de cada cota de acceso.
Puntuacións:
a) Por cumprir os requisitos de acceso: 10 puntos.
b) Pola experiencia laboral equivalente ao traballo a tempo completo puntuarase con 0,25 puntos por cada 30 días, ata un máximo de 15 puntos.
c) Por módulos xa acreditados do ciclo formativo: 2 puntos por cada módulo.
d) Por unidades de competencia obtidas por participar nos procesos de acreditación de competencias que dean lugar a validación de módulos profesionais do ciclo formativo que se solicita: 2 puntos por cada módulo que fose validable.
O alumnado matriculado nalgún módulo non ten dereito á reserva de praza, polo que deberá someterse no curso seguinte ao proceso de admisión.
ADMISIÓN PARA O ALUMNADO QUE PASA A 2º CURSO DE CICLO:
- O alumnado que se promova de 1º a 2º curso no mesmo centro deberá entregar a solicitude de reserva de praza para o segundo curso.
- O alumnado terá dereito a repetir con praza reservada por unha vez no mesmo centro no ano seguinte.
- O alumnado que se promova ao segundo curso e o repetidor de segundo curso que desexe formalizar a matrícula nun centro diferente deberá presentar nel a solicitude de admisión establecida no anexo I.
ALUMNADO QUE ACCEDE POLA COTA DE DISCAPACIDADE:
- O alumnado que optase a prazas reservadas para persoas con discapacidade asistirá a unha reunión individual convocada polo Departamento de Orientación do centro educativo que solicitase en primeira opción.
- Será obrigatorio levar o certificado do grao de discapacidade e o ditame técnico facultativo á reunión. Tamén se poderá achegar outra documentación que se estime oportuno.
- A finalidade da reunión será que a persoa reciba información sobre o currículo das ensinanzas solicitadas, en particular sobre as dificultades que a consecuencia da discapacidade poidan aparecer para a adquisición dos resultados de aprendizaxe do ciclo.
- O Departamento de Orientación emitirá un informe, que proporcionará a persoa solicitante, no que constará unha orientación específica e se incluirá unha proposta razoada de escolarización en función das necesidades da persoa solicitante que, de ser o caso, poderá modificar a súa solicitude.
- De ser necesario poderase contar coa axuda do equipo de orientación específico da provincia.
- Poderanse solicitar informes dos membros da inspección médica de cada delegación para valorar as solicitudes do alumnado con discapacidade e as posibles limitacións para poderen cursar con aproveitamento as ensinanzas.
MATRICULACIÓN E RENUNCIA:- As persoas con praza adxudicada en cada fase do proceso teñen a obriga de matricularse nos prazos que se indiquen.
- No 1º curso do réxime ordinario, quen non fose admitido na praza solicitada en primeiro lugar poderá renunciar á praza outorgada nos mesmos prazos establecidos para a matrícula. Esta renuncia implica tamén desistir de todas as demais prazas solicitadas en opcións de menor preferencia a esa, permanecendo nas listas de espera das opcións con maior prioridade.