Blogia
MZUNGU

Intelixencia Emocional e Creatividade

 

Intelixencia Emocional e Creatividade

 

Temos que re-descubrir nas nosas escolas algo tan importante a nivel adaptativo que fixo que, filoxeneticamente falando, os humáns ocupemos o lugar que ocupamos. A intelixencia emocional que é, dun xeito moi resumido, a capacidade para sentir, entender, controlar e modificar os estados anímicos propios e alleos. Por sorte, a intelixencia emocional é unha habilidade, non un rasgo de personalidade e, por tanto, se pode aprender e ensinar. A outra dimensión que nos diferencia do resto dos animais, moi ligada a anterior e que temos que traballar moi ben é a creatividade. O alumnado creativo vai poñer en marcha habilidades coma son a arte de facer preguntas diverxentes, a ampliación dos límites ordinarios das cousas o cal implica tolerancia, o cambio de perspectiva que vai supor, sen dúbida, empatía  a posibilidade de facer asociacións extraordinarias con flexibilidade ou a posibilidade de imaxinar consecuencias ao que facemos na clase. E aínda que intuitivamente moito profesorado pense o contrario, eu considero que a creatividade aflora moito mellor con certas normas xa que é unha metodoloxía de traballo que vai implicar disciplina e organización. O alumnado sen ningunha norma non ten fácil ser creativo, é disperso e vaille fallar a capacidade de concretar e, por contra, as persoas creativas sempre van ter un método e uns obxectivos máis ou menos claros e definidos.

Vos preguntaredes como podemos usar a intelixencia emocional e a creatividade para que o noso alumnado aprenda mellor. O que os psicólogos chamamos a dimensión afectiva da aprendizaxe, isto é, a boa disposición do alumnado e sobre todo a súa motivación dependen, coma sempre, da médula espiñal da aprendizaxe que é, de novo, a metodoloxía utilizada. Temos que proporcionarlles confianza en que poden facelo e non pensen no fracaso. Deben sentir a curiosidade coma esa sensación positiva ao descubrir cousas novas, facer as cousas con intencionalidade e sentíndose competentes e todo isto con autocontrol, sendo quen de dominar as súas accións en relación coa idade e cos demáis, comprendendo e tendo a sensación de ser comprendidos tamén polos outros. Temos que traballar co alumnado, por último, a capacidade de comunicación e cooperación, isto é, que teñan desexo e capacidade para intercambiar ideas, sentimentos ou conceptos cunha sensación de confianza, equilibrando as propias necesidades coas dos demais nas actividades grupais. Sí, a comunicación xoga un papel fundamental nas aprendizaxes, educar é transmitir coñecementos pero de persoa a persoa, de mente a mente, e nese cerebro se producen operacións intelectuais pero sobre todo movementos emocionais e afectivos que axudan o perxudican a adquisición de novas aprendizaxes. Os máis expertos especialistas de todo o mundo coinciden nisto: as aprendizaxes vanse dar na dimensión intelectual pero tamén nunha emocional e afectiva. A nosa actitude e metodoloxía coma docentes ao ensinar coñecementos ou ao manexar a disciplina van influir, para ben ou para mal, na aprendizaxe do noso alumnado. Imos conseguir que o noso alumnado sexa quen de ver un charco coma unha oportunidade e non coma un obstáculo difícil de pasar, típico nas persoas adultas.

 

0 comentarios