Blogia
MZUNGU

Innovación e Intelixencia emocional

Innovando con intelixencia emocional

Retomando o meu post de final do curso pasado, insístovos que dende o meu punto de vista o ensino non necesita pequenas innovacións ou reformas, necesita un cambio radikal (con k). Non chega con pensar que innovamos por utilizar tecnoloxías como as tabletas e outros dispositivos nas nosas clases, non! O colectivo docente e a escola, en xeral, necesitamos facer verdadeiras innovacións, sí, pero metodolóxicas. Pode que nunha escola do século XXI (que funciona, iso sí, con métodos do XIX) ao facer calquera innovación educativa teñamos que utilizar as tecnoloxías nas nosas prácticas docentes co obxectivo de melloralas pero, realmente, a finalidade non é utilizar tecnoloxía (tabletas ou ordenadores) na clase, senón cambiar os nosos métodos de ensino para optimizar as aprendizaxes do alumnado. As distintas tecnoloxías utilizadas nunca deben ser o fin en sí mesmas e si un medio para acadar melloras metodolóxicas que ofrezan resultados óptimos acordes con estas melloras. A sociedade avanza tan a presa que temos que repensar o noso rol de docentes, por exemplo coma ­creadores de contidos. Canto tempo perdemos navegando pola rede buscando material que podemos elaborar facilmente? Teremos que utilizar aprendizaxes activas basadas en retos, xa que nin siquera podemos imaxinar os diferentes traballos que desenvoltará o noso alumnado porque aínda nin existen! En definitiva, temos que ir re­pensando como debemos traballar na escola re-­avaliando o actual modelo tradicional con libro de texto e, como non, os exames. Eu penso que utilizar tecnoloxía portable é do mellor xa que é moi doado ter ferramentas de supervisión das tarefas integradas nos dispositivos (nos interesa saber tamén o que fan nas casas) coa finalidade última de que o alumnado cré contido e non sexa un mero consumidor do mesmo. As Flipped Classroom funcionan moi ben e a ludificación ou gamificación do ensino ten infinidade de actividades para calquera obxectivo, tarefa, momento e lugar de aprendizaxe. O modelo BYOD (bring your own device) ten moitas posibilidades aínda que penso que a homoxeneidade de dispositivos facilita a nosa tarefa docente. Nada de todo o dito servirá sen traballar con intelixencia emocional nas nosas clases. Como vai ser posible aprender algo (con o sen tecnoloxía) senón somos quen de xestionar as nosas emocións nin coñecer as dos demáis? Por sorte, a empatía, a asertividade ou a resiliencia son emocións e, por tanto, habilidades que poden traballarse e aprenderse, tamén coa tecnoloxía. Remato coincidindo co grande Alvin Toffler decindo que o futuro vai ser para o alumnado que desenvolva habilidades de pensamento crítico. Como docentes o noso reto non é tanto o que ensinamos senón coma o imos facer. Trátase de ensinar ao noso alumnado a tomar decisións xa que isto mellorará a sua autoestima e, por tanto, a súa  intelixencia emocional e non tanto tentar que acumulen definións ou listas de conceptos que terán que refrendar en exames ou reválidas. Xa non aprendemos como antes!!

0 comentarios