Blogia
MZUNGU

PMAR

Funcionamento dos PMAR

Que son os PMAR?
 
Os programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento é unha medida extraordinaria de atención á diversidade e ten por finalidade facilitar que os alumnos/as alcancen as competencias do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria, poidan cursar o cuarto curso pola vía ordinaria e obteñan o título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

Cales son as súas características?

  • Estableceranse programas de un ano (para cursar 3º de ESO) ou de dous anos (para cursar 2º e 3º de ESO). 
  • Utilizarase unha metodoloxía específica a través da organización de contidos, actividades prácticas e, no seu caso, de materias diferentes ás establecidas con carácter xeral, organizadas en ámbitos. 
  • O PMAR concíbese dende un enfoque metodolóxico funcional, en que os contidos curriculares deben tratarse desde un punto de vista global, práctico, motivador e personalizado, priorizando as aprendizaxes que resulten necesarias para outras posteriores e que contribúan ao desenvolvemento das competencias clave e dos obxectivos xerais da etapa.
  • Para a impartición dos ámbitos destes programas conformaranse grupos entre 5 e 10 alumnos como máximo.
  • Cada grupo de alumnado que integre un PMAR contará cun profesor/a titor/a, que terá entre as súas funcións a orientación do alumnado do programa e a súa atención personalizada, a coordinación do equipo docente que imparte o programa, a relación coas familias e a coordinación co profesorado titor do grupo de referencia de cada alumna e alumno integrante do programa.
  • Cada ámbito específico será impartido por un único profesor ou profesora, pertencente a un dos departamentos didácticos a quen corresponda a atribución docente das materias que forman parte do ámbito, preferentemente con destino definitivo no centro.
  • Os alumnos/as que sigan un PMAR terán un grupo ordinario de referencia co que cursarán as materias non pertencentes aos ámbitos.
Como se organizan as materias nun PMAR?
 

a) Ámbito lingüístico e social, que abrangue os aspectos básicos do currículo correspondente ás materias de Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura e Xeografía e Historia.
b) Ámbito científico e matemático, que abrangue os aspectos básicos do currículo correspondente ás materias de Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Aplicadas, Bioloxía e Xeoloxía, e Física e Química.
c) Ámbito de linguas estranxeiras, que abrangue os aspectos básicos do currículo correspondente á materia de Primeira Lingua Estranxeira.



Cal é o horario das materias?

O horario semanal dos tres ámbitos de coñecemento que compoñen o programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento será dun total de 20 horas semanais, distribuídas como sigue:
a) Ámbito lingüístico e social: 9 horas.
b) Ámbito científico e matemático: 8 horas.
c) Ámbito de linguas estranxeiras: 3 horas.

Requisitos para incorporarse a un PMAR
  • Presentar dificultades relevantes de aprendizaxe non imputables a falta de estudo ou esforzo
  • Ter repetido cando menos un curso en calquera etapa (Infantil, Primaria ou Secundaria).
  • Ter cursado 1º curso de ESO non estar en condicións de promocionar ao 2º curso (neste caso o alumno incorporarase a un programa de 2 anos)
  • Ter cursado 2º curso de ESO e  non estar en condicións de promocionar ao 3º curso (neste caso o alumno incorporarase a un programa dun ano ou de dous anos).
  • Aqueles alumnos que, cursando 3º ESO, non estean en condicións de promocionar ao 4º curso, poderán incorporarse excepcionalmente a un Programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento para repetir 3º curso.
Procedemento de incorporación do alumno ao PMAR

1º Proposta do equipo docente: Realizada a avaliación extraordinaria (setembro), o equipo docente realizará unha proposta razoada do alumnado que podería incorporarse ao programa. 
2º Informe do titor/a: Esa proposta concretarase nun informe individualizado, elaborado polo titor/a, en que constará a competencia curricular do alumno/a en cada materia, as dificultades de aprendizaxe presentadas, as medidas de atención á diversidade aplicadas e os motivos polos que o equipo docente considera a conveniencia de que o alumno/a se integre nun PMAR. Ese informe trasladarase á xefatura do Departamento de Orientación.
3º Informe de Orientación e reunión cos pais: A xefatura do Departamento de Orientación realizará unha avaliación psicopedagóxica a cada un dos alumnos e das alumnas propostos/as polo equipo docente para incorporar ao PMAR. No informe debe constar, entre outros aspectos, as conclusións das reunións co profesorado titor e, se se trata de alumnado menor de idade, cos pais, as nais ou titores/as legais de cada alumno/a para lles formular a conveniencia da súa incorporación a un PMAR. Deixarase constancia escrita da opinión dos pais, as nais ou titores/as legais respecto da proposta formulada.
4ª Proposta definitiva da comisión de PMAR: Posteriormente, unha comisión formada polo/a xefe/a de estudos, que exerce a súa presidencia, a persoa que exerza a xefatura do Departamento de Orientación e o/a titor/a do alumno/a valorará os informes emitidos e a opinión, de ser o caso, do pai, a nai ou os/as titores/as legais, realizando unha proposta ao/á director/a sobre a incorporación ao PMAR.
5º Informe do director/a á Inspección Educativa: O director/a do centro docente elevará a proposta de autorización sobre a incorporación do alumnado ao PMAR ao servizo provincial de Inspección Educativa. Á solicitude achegaráselle a relación de alumnado proposto e a relación de profesorado que vai impartir cada un dos ámbitos do programa.
6º Autorización de Inspección Educativa: O servizo provincial da Inspección Educativa emitirá a autorización expresa para o desenvolvemento dos PMAR que cumpran os requisitos establecidos, e que será comunicada aos centros escolares antes do comezo do curso.

Avaliación e promoción no PMAR

 A avaliación do alumnado nos ámbitos terá como referente fundamental as competencias, os obxectivos e os estándares avaliables da educación secundaria obrigatoria. 
  • O alumnado será avaliado polo profesorado que imparte cada un dos ámbitos e materias, baixo a coordinación do profesorado titor.
  • As cualificacións dos ámbitos realizarase nos mesmos termos que as materias. Na ESO os alumnos promocionarán de curso cando superasen todas as materias cursadas ou teñan avaliación negativa en 2 materias como máximo, que non sexan simultaneamente Lingua Galega e Literatura ou Lingua Castelá e Literatura, e Matemáticas. Iso significa que o alumnado de PMAR non poderá ter avaliación negativa en ningún dos dous ámbitos (Lingüísto e Social ou Cientifico e matemático). 
     
  • O alumnado que acceda a un PMAR con materias pendentes de cursos anteriores realizará as actividades de reforzo e de apoio que lle permitan recuperalas ao longo do desenvolvemento do programa, e a avaliación será competencia do profesorado que o imparta, coa colaboración dos departamentos implicados.

Incorporación a 4º de ESO

O alumnado de PMAR, incorporarase a 4º curso ordinario, e poderá escoller cursar o 4º curso da ESO por unha das dúas seguintes opcións:
a) Opción de ensinanzas académicas para a iniciación ao Bacharelato. 
b) Opción de ensinanzas aplicadas para a iniciación á Formación Profesional.

Fonte: Monica Diz orienta

Programa de Mellora PMAR

A lexislación que temos ata o momento é a seguinte resolución que utilizamos o curso pasado para facer a incorporación do alumnado que cursa 3º PMAR neste curso 2015/16.

RESOLUCIÓN do 27 de xullo de 2015, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións no curso académico 2015/16 para a implantación do currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.