Vaia cursiño que levamos!

Publicado: 08/05/2017 11:57 por iessalvaterraorientacion en ARTIGOS

Que uns 3.000 repetidor@s poidan entrar na universidade galega sen facer un exame selectivo ou que non haxa que ter un 5 para estar titulado en ESO non é máis que a guinda do pastel dos despropósitos (ou non) que a LOMCE e a súa derogación por fascículos nos trouxo este curso.

En setembro había que facer reválidas para titularse en ESO e Bacharelato, con exames de cinco días, de sete e nove materias, respectivamente, e mediante un test de centos de preguntas exactamente igual para toda España, á mesma hora e o mesmo día. Este é un periplo polo que uns 40.000 alumnos galegos (os de 4º de ESO e 2º de bacharelato), profesores e familias pasamos ata agora:

Setembro
En funcións. O curso arrincou con todo no aire: por non haber, nin había Goberno (a investidura de Rajoy foi o 30 de outubro) e por tanto especulábase con que a LOMCE fóra derogada, aplicada ata o final ou nunha versión lixeira. Finalmente, foi esta última a opción elixida.
Repetidores. Os directores de instituto de Vigo decidiron non matricular aos repetidores de segundo de bacharelato porque non había aulas LOE (eles non entraban na LOMCE). A Consellería tivo que remitirlles unha instrución para que os mesturasen.
Selectividade por comunidades autónomas e con notas de 0 a 10. A finais de mes a CRUE e o ministerio chegaron a un acordo de palabra: a nova selectividade estaría organizada por cada comunidade autónoma, tería validez estatal e a nota iría do 1 ao 10. Nada do mesmo exame para toda España.
A proba final de ESO, aínda reválida. Acababa setembro e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, pedía en Madrid que a reválida de secundaria non tivese efectos académicos. Nese momento era obrigatoria para ter o título de ESO e valía o 30 % da nota final.

Outubro
Bacharelato de artes sen debuxo artístico. Os alumnos de segundo do bacharelato de artes en Galicia non poden ter Debuxo Artístico. O deseño horario da LOMCE impídeo.
Só catro comunidades aceptan a reválida de bacharelato. Galicia, Madrid, Murcia e Castela e León eran as únicas comunidades que aceptaban organizar unha reválida de bacharelato obrigatoria para obter o título. Andalucía, Cataluña e o País Vasco seguían convocando a selectividade antiga, a PAU.
Por fin, as reválidas deixan de ser obrigatorias para o título. Foi a finais de mes cando o ministro Méndez de Vigo primeiro e despois Rajoy (no debate da súa investidura) anunciaron que, como xesto de boa vontade para chegar a un pacto educativo, as reválidas de ESO e bacharelato non serían obrigatorias para o título. A primeira quedaría, pois, nunha avaliación de nivel e a segunda, en acceso á universidade.

Novembro
Goteo de borradores. Durante todo o mes fóronse filtrando borradores das novas reválidas. Con cada cambio as probas íanse descafeinando cada vez máis. Ao final, o Goberno aceptou a proposta das universidades de que houbese catro puntos extras para axustar as notas segundo competencias do alumno: 14 posibles, como a PAU anterior.
Enterro oficial das reválidas. Foi a última semana de mes cando finalmente fíxose oficial (aínda que a publicación no BOE chegou en decembro) o fin das reválidas como paso previo para ter o título de ESO ou bacharelato.

Decembro
Oficial. A publicación no BOE deulle oficialidade á eliminación das reválidas. Agora sería unha avaliación final de ESO sen valor académico e a selectividade de sempre en versión LOMCE. Adeus a setembro. Ese mesmo mes sóubose que a proba de acceso á universidade que se facía en setembro será en xullo a partir do 2018. O motivo, axustar o exame e o seu calendario ao comezo das clases nos graos, a primeira semana de setembro.

Febreiro
Os profesores de francés piden que a súa materia vaia a selectividade. Unha norma ministerial dá forma á proba de acceso á universidade. E xorden polémicas: na fase xeral, os alumnos terán que examinarse de materias que cursasen en segundo, mesmo cando se fala de primeira lingua estranxeira. Na PAU un alumno podía estudar inglés pero examinarse de francés porque a súa familia era francesa e dominaba lingua. Agora non é posible e os profesores de francés protestaron enerxicamente por iso. Tampouco lles sentou ben aos de Filosofía que a súa materia abandonase a fase obrigatoria: agora hai que facer Historia de España si ou si, mentres que antes un podía elixir entre esta e Historia da Filosofía.
Xa hai nome e data para o exame de acceso á universidade. Foi o venres 10 de febreiro cando nunha reunión conxunta CIUG-Consellería de Educación decidiuse que a selectividade fose os días 7, 8 e 9 de xuño e que as notas se saiban o día 16. Tamén se deu a coñecer o nome en Galicia: avaliación de bacharelato para ou acceso á universidade (ABAU), avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (EBAU) en castelán. E outro asunto importante que se dilucidou entón: as troncais (Matemáticas ou Latín, por exemplo) tamén servirían para subir nota. Os alumnos que van para Enxeñería ou Dereito respiraron.

Marzo
Repetidores exentos. Coa primavera chegou a noticia de que os repetidores de 2º de bacharelato e quen suspendeu a PAU o ano pasado poderán acceder á universidade sen facer a ABAU, aínda que tamén poderán ir para subir nota se queren.
Ponderacións facilmente substituíble. A finais de mes, na metade da terceira avaliación para os do último curso, sóubose que materias valorará especialmente cada carreira en Galicia, as chamadas ponderacións. A listaxe ofrecida o primeiro día cumpría a machada as ordes do decreto de decembro e só incluía as materias específicas de cada rama (por exemplo, en Dereito ponderaba 0,2 Grego pero non Latín, porque é materia troncal e por tanto obrigatoria). Houbo prantos nalgunhas clases. Enseguida reuníronse CIUG e consellería e ampliaron as materias con dobre valor, seguindo o espírito das últimas normas.

Abril
Inseguridade xurídica. Por se todo o anterior non fose suficiente, en abril a oficina do Valedor do Pobo decide investigar se a ABAU xera inseguridade xurídica, por exemplo para os alumnos que cursaron 1º de bacharelato noutro país, pois querían estar exentos do exame de galego, como era habitual nos últimos anos. CIUG e Consellería de Educación negáronse en redondo: a exención de galego é para quen vén doutra comunidade en bacharelato, non para galegos que pasaron un curso fóra; ademais, en segundo de bacharelato, xa en Galicia, dan a materia con normalidade.
O título de ESO, con menos de 5. Finalmente, neste abril sóubose que o título de ESO pódese ter con dúas suspensas e cunha nota media inferior a 5, algo que moitos sectores vinculados co proceso educativo consideran absurdo.

E o que nos queda...

Fonte: Sara Carrreira. La Voz de Galicia

Comentarios  Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.