Con esta entrada inicio unha serie de 4-5 posts adicados a estratexias prácticas concretas para o traballo nas clases en grupo cooperativo de cara a lograr un pensamento crítico no noso alumnado. Da guía “27 maneiras prácticas para mellorar a instrucción: ideas para promover a aprendizaxe activa e cooperativaos doutores Wesley Hiler e Richard Paul, da Fundación para o Pensamento Crítico, resumo estas 27 ideas prácticas para mellorar, como dicía, o ensino na clase promovendo, simultaneamente, tanto a aprendizaxe activa e cooperativa coma o pensamento crítico. Nesta guía os autores presentan os fundamentos das ideas expostas no libro “Como mellorar a aprendizaxe dos estudantes” dun xeito que os docentes dispoñamos dun documento breve e práctico que nos permita lembrar permanentemente algúns principios básicos que debemos ter en conta cando impartimos clase ao noso alumnado.

Aínda que incorporar o pensamento crítico na aula dentro de estratexias de aprendizaxe activa e cooperativa require un desenvolvemento serio e a longo prazo, non imos necesitar sufrir nin realizar grandes esforzos para lograr cambios importantes na nosa maneira de ensinar. Hai moitas estratexias simples, directas e eficaces, que poden implementarse de maneira inmediata e con resultados moi positivos. A continuación temos unha mostra desta metodoloxía. Son estratexias eficaces e útiles, porque cada unha constitúe unha forma de lograr que o alumnado pense activamente no que está a aprender. Con cada unha delas, a responsabilidade de aprender transfírese do mestre ao estudante. Estas estratexias suxiren maneiras de acadar que o alumnado, e non o profesorado, faga o traballo necesario para aprender. Polo xeral, cando as/os estudantes enfróntanse a dificultades que non poden resolver ou non entenden, ou que se supón que deben entender, si é que están a traballar con outras persoas, poden corrixirse entre elas mesmas os malentendidos e lograr un progreso maior nas tarefas. Cando a unha persoa non lle sae, pode que outra teña a idea precisa que permita encamiñar novamente as cousas. O anterior posibilita que o alumnado se responsabilice en maior medida da súa propia aprendizaxe. Co tempo, comezan a adoitar con éxito as estratexias que os seus compañeiros utilizan e aprenden a se enfrontar as preguntas críticas que lles formulan aqueles/as que son da súa idade e teñen os seus (ou parecidos) ou parecidos problemas e inquedanzas.

Así pois, as 27 suxestións seguintes ou “estratexias de ensino” dannos ideas para iniciar o proceso de permitir ao noso alumnado pensar (reflexionar) sobre os contidos que se espera que comprendan, aprender a usar o que aprenden e tamén a utilizar o poder das súas propias mentes para “comprender as cousas”.

Imos ver as cinco primeiras:

 1) Fagamos preguntas en primeiro lugar para estimular a súa curiosidade.

Si o noso alumnado quere saber algo, ben sexa porque sinte curiosidade ou porque pensan que lles pode ser útil na súa vida diaria, estarán máis motivados a aprendelo.

 2) Utilicemos preguntas guía.

Estas preguntas deben facerse para cada tarefa, conferencia ou presentación audiovisual. As preguntas motivan ao noso alumnado. Por exemplo, nunha clase para aprender anatomía humana ou bioloxía, antes que coller o libro de texto para estudar o corazón, faríamos á clase as preguntas guía. a) Que é unha válvula? b) Cal é a diferenza entre unha vea e unha arteria? c) Que é colesterol? Por que ter niveis de colesterol elevados é perigoso para a saúde dunha persoa? Etc.

 3) Apliquemos probas curtas de cinco minutos ao comezo de cada clase.

Estas probas poden conter uns cantos ítems de selección múltiple ou de verdadeiro e falso, derivados das preguntas guía. Estas probas curtas motivan ao estudante a repasar as súas notas de clase e manterse ao día nas tarefas asignadas.

 4) Utilicemos presentacións e medios multimedia.

Estes medios facilitan a asimilación e retención do material e están moi próximos á vida real do noso alumnado.

 5) Simultaneamente co ensino da materia, ensinemos principios de pensamento crítico.

Utilicemos os materiais como apoio concreto para desenvover o pensamento crítico. Por exemplo, ao falar da Guerra Civil pedir ao alumnado que comparen o punto de vista dos dous bandos de maneira imparcial. As seguintes preguntas guía poderíanse utilizar para lograr que os estudantes pensen máis profunda e críticamente sobre a tarefa asignada: a) Cal foi o propósito do alzamento militar? b) Cal era o goberno democrático que tiña España? c) Canto durou a guerra? d) Cales foron as consecuencias inmediatas e a longo prazo da guerra? Etc. As preguntas das probas ou exames posteriores débense basear sempre nestas preguntas guía para asegurar que o alumnado teña pensado e reflexionado sobre elas e, quizais, até as teñan discutido fóra do instituto. Durante este tipo de clase, o alumnado aprenderá elementos de razoamento ademais de historia de España. Tamén aprenderán, ademais, algúns elementos de como pensar imparcial e obxectivamente sobre os acontecementos e feitos históricos.

 6) Fomentemos que o noso alumnado se coñeza.

Nos primeiros día de clase, poñer ao alumnado en parellas e pedir que cada un pregunte ao seu compañeiro/a acerca de onde vén, cales son algúns dos seus intereses, pasatempos e opinións e incluso pecirlles que tomen notas para facilitar a memorización da información. Logo, cada persoa presenta á súa parella ao resto da clase. Deste xeito o alumnado vaise coñecer dende o comezo. Isto ademais de romper o xeo facilitará a comunicación entre eles cando se organicen en grupos pequenos. Tamén constitúe un exercicio efectivo para probar se escoitan con atención.

 7) Escribamos os nomes de todo o alumnado en cartóns e preguntemos a todos, non soamente aos voluntarios.

Sabemos que cando facemos preguntas á clase, sempre queren responder os mesmos. Se miramos ao resto da clase e escollemos os menos activos e lle facemos unha pregunta, van sentir que queremos amosar o ignorantes que son, e en consecuencia, vanse sentir mal. Para evitar estas situacións podemos escribir os nomes de todo o alumnado nuns cartóns, misturalas e escoller un cartón ao azar para facer a pregunta. Deste xeito, toda a clase porá máis atención a todas as preguntas por si lles toca respostar. Esta técnica sinxela evita o problema común de que catro ou cinco estudantes monopolicen sempre as discusións e as clases. Tamén permite compartir unha variedade máis ampla de reflexións ou de puntos de vista do alumnado e mantén a clase máis alerta.

 

CONTINUARÁ...

Comentarios  Ir a formulario



No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.