Cónstanme os esforzos moi importantes dunha grande maioría de profesorado pero a dirección do noso centro acaba de facer públicos os datos da 2ª avaliación. En 1º e 2º de ESO só un 30% aproban todo, en 3º un 28%, en 4º de ESO  un 24%, en 1º de Bach. un 28% e, en 2º de Bach., un raquítico 24%. De cada 100 alumnos entre 24 e 30 aproban todas as materias e así curso tras curso cun lixeiro incremento a peor nos últimos anos. Temos datos moi parecidos en todos os centros. Cantas promocións máis de alumnado deixaremos que fracasen neste sistema educativo que non e quen de lles dar resposta? Acaso non está a escola, e o noso IES tamén, de costas á sociedade? Para cando menos memorización e exames e máis preparar para aprender pola súa conta, traballando a educación emocional, sabendo que o contacto persoal profe-alumno é a chave para aprender? Sí, educación emocional, con creatividade, mellorando a autoestima e as habilidades sociais para facer fronte as frustracións e sabendo ver o positivo das cousas e o valor, por exemplo, de que o alumnado cré os seus propios contidos. Nunca, nos case 20 anos que levo no ensino, tiña visto tanto alumnado tan queimado, tan asqueado da súa escolarización, que non é o mesmo que educación, e vexo que desgraciadamente isto vai a máis. España lidera o abandono escolar prematuro en occidente cun 22% de alumnado que se marcha antes de tempo da escola, e isto é o cumio do fracaso educativo. Temos que cambiar radiKalmente o noso funcionamento, sobre todo co alumnado máis novo de 1º ESO (11-12 anos) que chega ao noso IES, tendo moi en conta, e a nivel individual, as súas intelixencias múltiples. Dende logo debemos integrar as TIC nas aulas xa que son un medio moi motivador, traballando por proxectos, dun xeito colaborativo, e sen clases maxistrais propias do século XIX. Non se trata de prohibir e desconectar ao alumnado senón máis ben de conectar ao profesorado. O alumnado de 1º ESO ten demasiadas materias e moitos profesores pero, incluso as leis e decretos o recomendan, podemos agrupalas en ámbitos de coñecemento. Vexamos, por exemplo, as dúas linguas e ciencias socias conformarían o ámbito lingüístico-social, as matemáticas e as ciencias o ámbito científico-matemático e a música e a plástica sería o ámbito artístico. Así, xunto coa ligua estranxeira, a educación física e a materia de libre configuración (por exemplo creación audiovisual) reduciríamos moito a carga de materias e profes e, consecuentemente, facilitaríamos moito a súa transición da escola ao IES, curso tras curso moi traumática para familias e alumnado. Pero claro, existen “outros poderososque tamén debemos afrontar coma o xeito de avaliar, as rúbricas están a resultar moi ben, e o sistema de exames tradicional que todos sabemos non funciona para aprender (memorizo-vomito-esquezo). E xa non serven excusas “e que as leis...”, sempre o fixemos así” ou “non teño formación”.Como educadores temos o deber ético e legal de nos formar (tamén no mes de xullo) e, por suposto, de nos coordinar e de mellorar a conexión escola-familias-sociedade de cara a que o noso alumnado non suspenda, non repita, non fracase, non abandone e chegue tan contento ao noso instituto coma cando marcha del.


Comentarios  Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.