O-BE-DE-CE !!

Publicado: 24/11/2014 18:45 por iessalvaterraorientacion en ARTIGOS

 

Comezo este post coa famosa frase africana “para educar a un neno fai falla a tribu enteira”. Educar a fillos ou alumnado non é doado e un dos primeiros pasos é conseguir que obedezan, algo que parece ser un dos grandes desafíos do ensino de hoxe. Parece que á rapazada de hoxe gústalle retar bastante ao profesorado e as familias, que non saben ben como actuar e que normas facer cumprir ou como castigar. E o alumnado vai tratar de facer o que quere, o que lles apetece aínda que isto non deba nin vaia poder ser así na escola. Vexamos como exemplo, unha mala conducta como a de Román de “cuspir a outro compañeiro na clase” xurde do pensamento “ninguén me fai caso no instituto” que lle produce unha emoción de medo a non seren atendido por ninguén, probablemente coma na súa casa. Pero xurde a “lóxica” resposta da/o profe, unha bronca diante do resto que, sin querer, fai que a conducta inapropiada se reforce xa que Román é atendido e vai ser o centro de atención durante un chisco. Román, este tipo de  alumnado en xeral, aprende que para obter atención ten que molestar na clase e crea o seu patrón conductual: penso que ninguén me presta atención na vida, molesto nas clases e consigo atención do profe e dos compañeiros. Esta conducta quedará etiquetada como eficaz e adaptativa xa que reduce a emoción principal do seu medo a pasar desapercibido. Temos que lograr que o noso alumnado teña criterio para actuar e ser alguén sen que isto signifique portarse mal e non obedecer ao profesorado e familias. O noso obxectivo non é que obedezan por imposición da autoridade senón por seren quen de crear o seu propio patrón de conductas apropiado a cada ocasión e, por sorte, isto pódese aprender tamén no instituto. No exemplo que acabamos de ver, Román non sabe comportarse doutro xeito para lograr que lle fagan caso e vai ser tarefa nosa ofrecerlle outras alternativas de actuación que non coñece e reforzar aqueles comportamentos axeitados. Non vale actuar por imposición do medo ao castigo coma un dictador, teremos que ter poucas normas e certas alternativas e ensinarlles o que está ben e o que non, con disciplina positiva e que saiban sempre o que esperamos deles. Manter a calma e nunca berrar, xa sei que non é doado, porque a perda da paciencia trae moita máis tensión e temos que educar co noso exemplo xa que alumnado e fillos aprenden máis do que ven que do que lles decimos que fagan. Funciona moi ben falar de consecuencias e non de castigos xa que as primeiras implican comprender o que resulta das súas accións e que sexan responsables delas. Esas poucas normas das que falo deberan ser sempre cumpridas (consistentes), con pequenas excepcións que deberemos explicar, e deben ter lóxica e coherencia. Non esperemos que cumpran reglas que non comprenden ben, que están fóra de lugar ou elas/es pensan que así é. Como noutros moitos posts remato sinalándovos o importante que é escoitar as emocións (tamén de outras/os compañeiros) e as necesidades do alumnado. Reforzar o que fagan ben con felicitacións, agarimos e notas positivas e nunca criticar as persoas e sí as conductas que fagan mal explicándolles tranquilamente porque non están ben. Todos cometemos erros e aprendemos deles, incluso máis que dos acertos, e ser imperfecto pero non sentirse mal por selo ten tamén o seu valor.

Comentarios  Ir a formulario



No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.