ANSIEDADE ESCOLAR

Publicado: 15/10/2014 10:45 por iessalvaterraorientacion en FAMILIAS

 

Nos últimos cursos estamos a ter distintos casos moi heteroxéneos de alumnado con moita ansiedade e fobia escolar. Familias e profesorado, as veces, non sabemos moi ben por onde tirar xa que non é doado actuar coherentemente. Vomitar cada día na clase, ter que marchar a primeira hora para a casa ou non querer vir ao instituto non é fácil de xestionar.  O temor a vir ao instituto e a ansiedade das primeiras semanas son típicos e por iso dende orientación enviamos as familias do alumnado de 1º ESO o díptico “Da escola ao instituto”. A fobia escolar  caracterízase por un manifesto rexeitamento á asistir ao instituto (ou escola) e implica un temor irracional, as veces por algunha situación particular. Está relacionada sempre co contexto escolar e feitos traumáticos que viviron ou cren que existen no IES (participación obrigatoria nalgunhas actividades, falar en público, respostar oralmente, rexeitamento dos/as compañeiros/as, rixidez do profesorado, etc.). Pode agravarse por reaccións verbais hostís por parte do profesorado ao non comprender os temores do alumnado ou por conflitos na familia ou entre pais e profesorado. Os síntomas inclúen, entre outros, dor abdominal, náuseas, vómito, aumento do ritmo cardíaco, diarrea, dor de cabeza, palidez, debilidade, etc. que aparecen pola mañá antes de ir á escola ou ao chegar  e, polo xeral, desaparecen antes que terminen as clases e non aparecen nunca os fins de semana nin días festivos e non lectivos. As fobias son unha forma de medo que responde a estas características: son desproporcionadas á situación que desencadea a resposta de medo e están relacionadas con estímulos que non son obxectivamente perigosos, non poden ser eliminadas racionalmente porque están máis aló do control voluntario, teñen longa duración e interfiren considerablemente na vida cotiá do alumnado ou persoa que as sofre.

O alumnado con fobia escolar manifesta os seguintes tipos de respostas:   

1. Néganse a asistir ao colexio e instituto.

2. Choran, gritan e patalexan ao levalos á escola ou deixalos no instituto.

3. Quéixanse de dores e enfermidades cando se achega o momento de ir á escola ou ao chegar ao IES, desaparecendo os síntomas se se lle permite quedar en casa.

4. Manifestan síntomas fisiolóxicos como rixidez muscular, sudoración excesiva na palma das mans, dor de cabeza e estomago, nauseas, vómitos, diarrea.  

5. Anticipan consecuencias malas ou desfavorables.  

6. Avalían negativamente as súas capacidades.  

7. Chegan a planear escaparse do instituto.

Etc.

 

Orientacións para a  intervención familiar

 

Se se fai cumprir a regra da asistencia diaria á escola, o problema da fobia escolar mellorará de xeito notable nunhas poucas semanas.  En cambio, se non lle esiximos que asistan diariamente á escola, os síntomas físicos e o desexo de quedar na casa volveranse máis frecuentes. Canto máis tempo pasen na casa, tanto máis difícil resultaralle voltar á escola. Algún alumno pode estar tres cursos sen aparaecer polo IES. Así pois,  está  en xogo a vida social e a educación futura do/o neno/a. Cando o/a neno/a se alborota ao separarse da familia, a mellor estratexia é informarlle, calmadamente, que a familia regresará a recollelo ou agardará na casa a súa volta e que teñen que ir e quedar no instituto. Unha separación firme, rápida e con agarimo é o mellor, tanto para a familia como para o alumnado co problema de ansiedade.

 

1. Insistir en que teñen que ir ao instituto.

A mellor terapia da fobia escolar é ir diariamente á escola. Os temores supéranse enfrontándoos canto antes. A asistencia diaria á escola fará que case todos os síntomas físicos do/o neno/a melloren. Os síntomas volveranse menos intensos e presentaranse con menor frecuencia e, co tempo, este alumnado acabará estando ben no IES. Con todo, ao principio o/a neno/a porá a proba a determinación da familia (nai, pai, avoa, etc.) de envialo/a á escola todos os días. A familia deberá facer que a asistencia á escola sexa unha regra rigorosa, sen excepcións.

2. A familia debe ser particularmente firme as mañás dos días de clase.

Ao principio, as mañás poden ser difíciles. Nunca se lle debe preguntar ao/á neno/a como se sinte porque isto fará que xa se queixe.  Se están suficientemente ben para estar a pé e andar dun lado a outro dentro da casa, están suficientemente ben para poder vir ao instituto. Se se queixa de síntomas físicos, pero son os que xa mostrou noutras ocasións, os de sempre, deberá ir a escola inmediatamente e sen discusión. No caso de que a familia non estea segura acerca da saúde do/a neno/a, deben envialo/a a escola de todos os xeitos xa que se os síntomas empeoran despois o centro llo vai comunicar á familia. Aínda que se lle faga un pouco tarde, o/a neno/a debe vir ao IES.  Algunhas veces van chorar e berrar, queixándose e negándose absolutamente a ir á escola. Nese caso, despois de falarlle sobre os seus temores, débense levar ao instituto. Un dos pais podería ser mellor que o outro, ou non, en facer cumprir isto ou mesmo, nalgunhas ocasións, un parente pode encargarse do asunto durante uns días.

3. Coller cita para o médico a mesma mañá que quede na casa.

Se tiveran síntomas físicos novos ou parecen estar moi enfermos, é probable que a familia prefira quede en casa. Se teñen dúbidas, probablemente o seu médico pode determinar a causa da enfermidade. Se os síntomas son causados por unha enfermidade, pode iniciarse o tratamento apropiado. Se o síntoma é causado por ansiedade, o/a neno/a deberá voltar á escola inmediatamente.

A dor de garganta, tose moderada, secreción nasal e outros síntomas típicos do resfriado, pero sen febre, fan que poidan ir ao instituto. O alumnado non deben permanecer na casa por "parecer enfermos/as", "ter mal cor" ou "ter cara de estar cansos".

 

4. Solicitar a asistencia do persoal do instituto.

A familia debe informar ao profesorado ou dirección do instituto que, se os síntomas do/a neno/a aumentan, deixe que se relaxe de 5 a 15 minutos noutro lugar, en lugar de mandalo/a para casa. Se o/a neno/a ten algúns temores especiais, como falar na clase e outros parecidos, o profesorado, en xeral, o terá en conta e fará pequenas concesións especiais.

 

5. Falar co/a neno/a sobre o seu temor a ir a escola ou instituto.

Nalgún momento, que non sexa unha mañá de escola, falar co/a neno/a sobre os seus problemas, alentalo/a a dicir exactamente o que lle molesta, preguntarlle que é o peor que pensa que podería pasarlle na escola ou no camiño á escola. Se hai unha situación que poida cambiar, dicirlle que farán todo o posible por cambiala. Se lles preocupa que os síntomas poidan empeorar na escola, asegúrenlle que pode relaxarse uns minutos no instituto segundo o vaia a necesitar. Despois de escoitalo/a atentamente, deben dicirlle que entenden os seus sentimentos, pero que segue sendo necesario que asista á escola mentres mellora e que moi pronto non terá problema.

 

6. Axudar a pasar máis tempo con outros/as nenos/as da súa idade.

Fóra da escola e falando en xeral, os/as nenos/as con fobia escolar teñen tendencia, segundo comentan en moitas casas, a preferir estar coa súa familia, xogar dentro de casa, estar sós/as no seu cuarto, ver moita televisión, etc. Moitos/as non poden pasar unha noite en casa de amistades sen ter sentimentos de nostalxia e, as veces,  ansiedade. É moi convinte que fagan deporte (polo xeral, prefiren os deportes que non son de contacto físico) ou algunha actividade extraescolar que lles guste como baile, danza, música e outras.

Espero, coma sempre, que esta nova entrada vos serva de axuda e grazas as familias, pero tamén ao profesorado pola súa preocupación e actuacións nestes, as veces, complexos casos ;-)))


Comentarios  Ir a formulario



No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.